A anterior directiva do CD Choco saíu ao paso das declaracións realizadas no último pleno do Concello de Redondela, no que se xustificou a concesión dunha subvención nominativa de 30.000 euros pola “complicada situación económica” da entidade. Os antigos responsables do club aseguran que, no momento da súa dimisión, as contas estaban saneadas, todas as facturas da tempada estaban pagadas, o saldo dispoñible nas contas bancarias era de 4.600 euros e a entidade tiña pendentes varias axudas xa concedidas ou previstas.
A través dun comunicado, aseguran que o CD Choco “non atravesa unha mala situación económica”. Segundo explican, a única obriga económica é a devolución dunha parte da subvención concedida pola Deputación correspondente á tempada 2022/2023, por un importe aproximado de 19.000 euros. Precisan que esta devolución non responde a problemas de liquidez nin de solvencia, senón ao feito de que o club pechou aquela tempada con superávit, unha circunstancia que obriga a reintegrar parte da axuda recibida. Engaden que este reintegro estase realizando mediante un plan de devolución de 19 mensualidades.
No comunicado lembran tamén que durante a presente tempada quedou totalmente liquidada a devolución doutra subvención da Deputación, correspondente á campaña 2019/2020, tamén motivada por un peche con superávit. Ao seu xuízo, este feito demostra “tanto a solvencia económica da entidade como o seu compromiso co cumprimento de todas as obrigas administrativas e económicas”.
Como medida para evitar que esta situación se repita, explican que o club contratou unha asesoría profesional encargada da xestión contable e das obrigas fiscais. En apoio da súa argumentación, a anterior directiva achega datos sobre o estado das contas a 6 de xuño de 2026. Segundo sinalan, nesa data todas as facturas correspondentes á tempada estaban pagadas, o saldo dispoñible nas contas bancarias era de 4.600 euros e o club estaba pendente de recibir varias axudas xa concedidas ou previstas, entre elas parte da subvención da Real Federación Española de Fútbol, a correspondente á participación na Copa Deputación, así como as subvencións da Xunta de Galicia e da propia Deputación.
Os asinantes do comunicado sosteñen que estes datos “evidencian que o Club Deportivo Choco mantén unha xestión económica responsable, cumpre cos seus compromisos e afronta con normalidade as súas obrigas”. A anterior directiva conclúe agradecendo o apoio das administracións públicas, aínda que reclama que o debate político sobre a situación da entidade “se fundamente en datos obxectivos e veraces”, para evitar, ao seu entender, transmitir unha percepción equivocada sobre a saúde económica do Club Deportivo Choco.










Unha resposta
De verdad que e ridículo que na prensa non se verifique a información, esas contas as que se refieren eses “directivos” están impugnadas xa que hai unha deveda de mais de 12.000€ por unha subvención que hai que devolver. Si está xentiña tivera algo de vergoña, se calarian e deixarian de ponerse en ridículo.