A unidade móbil estará instalada este venres e sábado no municipio para facilitar as doazóns nun momento no que as reservas descenderon polas altas temperaturas. Unha unidade móbil estará estacionada diante do Concello das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, para facilitar a doazón da veciñanza de Redondela.
Redondela participa esta fin de semana na campaña de verán “Un alento de vida”, promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), unha iniciativa que percorre os concellos galegos co obxectivo de fomentar a doazón de sangue durante os meses estivais, cando adoita rexistrarse un descenso nas reservas.
Desde ADOS fan un chamamento á cidadanía para que participe nesta campaña, xa que as elevadas temperaturas dos últimos días provocaron unha diminución das doazóns, mentres que as necesidades asistenciais dos hospitais galegos continúan sen variar.
A Axencia lembra que cada día son necesarias arredor de 400 doazóns de sangue para garantir a atención dos pacientes que precisan transfusións. Unha única doazón pode beneficiar ata tres persoas, especialmente doentes oncolóxicos, pacientes sometidos a transplantes ou persoas que deben afrontar intervencións cirúrxicas. Escoitamos ao Doutor José María Vázquez.
A poboación galega é especialmente solidaria, situándose no terceiro posto do ranking español. No caso de Redondela, a taxa de doazón sitúase no 41,21 por cada mil habitantes, cun total de preto de 1.200 doazóns anuais, unhas cifras que ADOS agarda incrementar coa campaña de verán.
A unidade móvil regresa este venres e sábado a Redondela acompañada da campaña “Un alento de vida”, unha iniciativa que pretende lembrar que as vacacións non reducen a demanda de compoñentes sanguíneos nos centros hospitalarios. A campaña incorpora un compoñente simbólico para implicar á cidadanía. As persoas participantes recibirán un pequeno agasallo, como unha almofada ou un balón de praia, e poderán contribuír á escenografía da campaña inflando un globo que pasará a formar parte dun espazo ambientado como unha terraza de verán. Un xesto que representa o “alento de vida” que unha transfusión supón para milleiros de pacientes.









