Hoxe é Venres 3 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As festas do Carme de Trasmañó, Cabanas e Rande apostan por La Conexión e a tradicional procesión marítima

festas virxe

A festa arranca este venres e prolongarase durante toda a fin de semana cun programa que combina actos relixiosos, música e actividades populares.  Un dos pratos fortes da programación será a verbena que hoxe estará amenizada pola orquestra La Conexión e a procesión marítima que terá lugar o domingo con saída dende o Meirande ás 18:30 horas.

As celebracións baixo a ponte de Rande supoñen o inicio das festas na honra da Virxe do Carmen que se organizan durante todo o mes en diferentes parroquias de Redondela.

As festas abriranse hoxe venres 3 de xullo cunha misa ás 20.00 horas, seguida da tradicional ofrenda e da saída da procesión desde a igrexa ata o torreiro, acompañada polo grupo Froles Mareliñas. A continuación dará comezo unha das citas máis esperadas da programación: a verbena protagonizada por La Conexión, unha das formacións máis demandadas do panorama musical galego, que compartirá escenario con Carmen Fest e varios DJs convidados para prolongar a festa ata ben entrada a madrugada.

A programación continuará o sábado 4 de xullo cunha sesión vermú, a partir das 12.00 horas, amenizada polas pandeireteiras Ledicia de Trasmañó, Ferreñas da Oliveira de Vigo e O Estreito de Rande, pertencente á ADC Rande. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, haberá cucañas para os máis pequenos, antes de dar paso a unha nova verbena nocturna, nesta ocasión coa participación das orquestras Casablanca e Azabache.

Fran Carreira, Comisión de festas

O día grande das festas chegará o domingo 5 de xullo, que comezará ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo da charanga Os Imperiais. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne cantada e, xa pola tarde, terá lugar un dos actos con maior simbolismo das festas.

Ás 18.00 horas partirá a procesión desde o torreiro ata Meirande, desde onde, media hora máis tarde, dará comezo a tradicional procesión marítima pola ría, acompañada musicalmente pola mesma charanga. Este acto, que reúne cada ano a numerosos veciños e visitantes, converteuse nun dos sinais de identidade das festas do Carme, rendendo homenaxe á Virxe como protectora dos mariñeiros e mantendo viva unha tradición profundamente vencellada á ría de Vigo.

Ao remate da procesión, o torreiro acollerá un concerto de Os Imperiais.

A programación pecharase o sábado 11 de xullo coa saída en procesión desde o Centro Cultural ás 20.00 horas, seguida da misa e dunha sorpresa para todos os asistentes, novamente acompañados polo grupo Froles Mareliñas.

Ademais dos actos relixiosos e musicais, durante toda a celebración haberá servizo de polbo, churrasco e bocadillos a prezos populares.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará