Hoxe é Venres 3 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Buscan en Redondela unha muller de 75 anos desaparecida dende o luns

desaparecida

A familia de María Pereira, unha muller de 75 anos que padece alzhéimer, mantén activa a súa procura despois de que desaparecese o pasado luns 29 de xuño do seu domicilio en Vigo. A última localización do seu teléfono móbil, facilitada pola Policía Nacional, sitúaa na parroquia de Saxamonde.

Ante a falta de noticias sobre o seu paradoiro, a familia fai un chamamento á colaboración da veciñanza para que permaneza atenta á posible presenza dunha muller desorientada que, tras varios días desaparecida, podería presentar un aspecto descoidado.

Alexandre, fillo de María fai un chamamento á veciñanza

A asociación SOS Desaparecidos emitiu unha alerta para solicitar a colaboración cidadá. María Pereira mide 1,65 metros, é de complexión delgada, ten o pelo castaño e os ollos marróns. No momento da súa desaparición levaba un pantalón branco de cadros negros, zapatillas deportivas brancas e unha chaqueta azul claro.

O seu fillo, Alexandre, explica que familiares e voluntarios xa percorreron distintas parroquias de Redondela na procura de calquera indicio. A principal hipótese é que poida atoparse desorientada nalgún camiño, monte ou galpón, sen capacidade para pedir axuda debido á enfermidade que padece.

“Seguimos con esperanza, pero a desesperación aumenta a medida que pasan os días sen ningunha pista”, asegura.

A familia amosa tamén a súa preocupación polas altas temperaturas rexistradas estes días, xa que temen que María non sexa consciente da necesidade de hidratarse, o que podería agravar a súa situación.

Calquera persoa que dispoña de información sobre o seu posible paradoiro pode contactar con SOS Desaparecidos no teléfono 868 286 726 ou a través do correo electrónico info@sosdesaparecidos.es. En caso de localizala, recoméndase avisar de inmediato ao 112 ou ás forzas e corpos de seguridade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará