Hoxe é Martes 14 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As 82 mariscadoras de Redondela recibirán ata 700 euros mensuais pola rexeneración dos bancos marisqueiros

xunta-confraría

As mariscadoras de Redondela recibirán máis de 653.000 euros da Consellería do Mar a través dun convenio asinado entre a Confraría de Cesantes e a Xunta. Este acordo garante un apoio económico directo para as 82 mariscadoras a pé que percibirán ata 700 euros mensuais polos traballos de rexeneración, acondicionamento e vixilancia dos bancos marisqueiros.

A patroa maior Nisi Otero e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinaron este xoves o convenio de colaboración dirixido a impulsar a rexeneración dos bancos marisqueiros danados polas intensas precipitacións de comezos de ano. A través desta colaboración, a Xunta mobilizará un orzamento total de 653.488,65 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Esta medida garante un respaldo económico directo para un total de 82 mariscadoras a pé, quen percibirán compensacións polos traballo de rexeneración de ata 700 euros mensuais. Ademais, supón un avance na coxestión e implicación do propio sector, e recolle un relatorio de intervencións directas para recuperar a capacidade produtiva do medio mariño.

Entre as principais accións acordadas destaca o acondicionamento e labrado do substrato en doce bancos marisqueiros —abrangendo máis de 693.000 m2— mediante o uso de motocultores ou métodos manuais. Así mesmo, durante a baixamar procederase á limpeza e retirada sistemática de restos orgánicos e inorgánicos. A folla de ruta contempla tamén un control rigoroso de especies depredadoras e competidoras, coma o cangrexo verde (Carcinus maenas) e os caracois mariños (Nucella lapillus e Ocenebra erinacea), mediante o emprego de nasas e mostraxes de seguimento sistemático.

Para fortalecer a biomasa, realizaranse rareos e traslados selectivos, así coma tarefas de preengorde de ameixa fina e babosa baixo redes protexidas, culminando coas sementeiras de unidades autóctonas adaptadas ás necesidades de cada areal. O plan compleméntase con quendas de vixilancia mensual nocturna e diúrna para combater o furtivismo, ademais de xornadas de formación especializada sobre bioloxía e xestión da actividade marisqueira.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Miña nai querida! É dicir que as mariscadoras van cobrar 700€ en 11 meses por limpar os bancos marisqueiros e a realización de estudos. O que é de tolos e a limpeza dos bancos marisqueiros; sae a limpar 8451 m2 por mariscadora. Non sei os medios dos que dispón a confraría, pero a man é un traballo de tolos; tendo en conta que hai marea baixa cada 6 horas e ao ser fondo de ría hai algas de arribazón en cada baixamar, traballo de tolos.

    Vivir do mar é cada vez máis complexo, e non se implantan políticas boas para revertir a situación. O aumento de temperatura da auga, que só se fala do aporte de auga doce más novas, pero a adaptación da fauna e flora ao aumento da temperatura da auga vai ser bo, por diminución da saturación de osixeno e aumento da salinidade.

    Ogallá que a Xunta de Galicia non este comprando aos traballadores do mar con estas axudas e esteamos pensando só a curto prazo, eleccións municipais do 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará