O equipo sénior do CD Cesantes sairá este sábado ás rúas para celebrar coa súa afección o ascenso a Segunda Futgal. Aínda que o club xa coñecía as súas opcións desde había días, decidiu agardar á confirmación oficial da Federación antes de anunciar e festexar este importante logro deportivo.
Así o comunicaron nas súas redes sociais cunha mensaxe chea de entusiasmo: “Sabiámolo dende aquela semifinal de infarto, pero como somos un club serio, queriamos ter o papel asinado e ben amarrado antes de botalo ao vento. Agora xa podemos grítalo con orgullo: o noso sénior xa é de Segunda Futgal”.
Tras unha tempada que o propio club cualifica de “longa e dura, pero tamén espectacular”, o conxunto adestrado por Raky conseguiu acadar o obxectivo marcado: o ascenso de categoría.
A celebración comezará ás 14:00 horas cun percorrido en autobús descapotable que partirá do Bar Rivas e percorrerá a Praia de Cesantes e o centro de Redondela, permitindo á afección compartir este histórico momento co equipo.
A festa continuará a partir das 18:00 horas no Campo da Gándara, onde haberá animación, sorpresas e música a cargo do DJ Rodri Vega para poñer o broche de ouro a unha xornada que promete ser inesquecible para a familia do CD Cesantes.










