Hoxe é Xoves 2 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Lab Xove ofrece formación práctica en comunicación, intelixencia artificial e artes creativas

20260702_102656

Foto da primeira sesión sobre Intalixencia Artificial

O Concello de Redondela puxo en marcha o Lab Xove Redondela, un programa de obradoiros creativos e formativos dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos que se desenvolverá ao longo de todo o mes de xullo na sala habilitada para a xuventude do Multiusos da Xunqueira. Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles en varias das actividades programadas, polo que as persoas interesadas poden consultar a oferta e formalizar a súa inscrición de forma puntual.

Cada día da semana ten unha proposta diferente: os luns haberá percusión corporal e iniciación a DJ; os martes, artesanía en coiro; os mércores, edición de vídeo e foto; os xoves, ferramentas de intelixencia artificial; e os venres, pintura mural e comunicación dixital. As actividades terán lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas.

Bea González, responsable do obradoiro de comunicación dixital que comeza este venres, explica  que os contidos do curso están enfocados en “como comunicar unha idea e analizala desde varios puntos de vista, falar diante dunha cámara ou dun micrófono, editar contido e, sobre todo, consumir con espírito crítico. Son habilidades que hoxe forman parte da comunicación en moitos ámbitos profesionais, pero que realmente non se ensinan”.

A formadora insistiu en que o obxectivo non é que os participantes pasen máis tempo nas redes, senón que aprendan a utilizalas con criterio. “As redes, queiramos ou non, xa forman parte da nosa vida. É importante que saiban comunicarse, distinguir información de calidade, crear contido con responsabilidade e entender como funcionan estas ferramentas”, sinalou.

O curso abordará plataformas como Instagram e TikTok, analizando por que certos contidos xeran engagement e outros non, e incluirá aspectos técnicos como a edición básica desde o móbil. Un dos obxectivos finais é que os rapaces e rapazas elaboren, entre todos, o guión e a produción dun podcast, un proxecto práctico que integra o aprendido durante as sesións.

Bea González, con ampla experiencia na creación de contido dixital con @cenobeita, tamén xestiona redes sociais para marcas e empresas. Esta dobre perspectiva —persoal e profesional— é, segundo ela, o que lle permite achegar un enfoque práctico e realista á formación.

O Lab Xove permite a inscrición en varios obradoiros, polo que moitos mozos poderán combinar actividades ao longo da semana. A organización informa de que as prazas para o obradoiro de edición de vídeo xa están completas, aínda que continúan dispoñibles vacantes noutras actividades do programa. Para máis información pódese consultar nas canles habituais do Concello de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará