O director redondelán Ángel Filgueira (@angel.filgueira.g) recibiu no ECAM Forum de Madrid o premio IFFR Rotterdam para o seu proxecto Handen, o que lle abre as portas ao mercado de coprodución Cinemart do Festival Internacional de Cine de Rotterdam.
A longametraxe, que aínda se atopa en fase de guión e desenvolvemento, nace da experiencia persoal do director, quen pasou dez meses traballando nunha granxa de vexetais en Holanda. “Recibimos o premio que mellor nos viña, que era asistir ao Cinemart, o mercado de coprodución do festival”, explica Filgueira.
Unha historia de emigración, precariedade e identidade
Handen conta a historia dun galego que chega a unha granxa en Holanda para traballar uns meses e acaba quedando moito máis tempo do previsto. “Atopa un lugar bastante hostil, moi marcado por un estatus de clase e de nacionalidades, onde os holandeses teñen un estatus alto e os traballadores que chegamos alí formamos unha especie de familia: galegos, españois, portugueses, italianos…”, describe.
A película aborda temas de grande actualidade como a precariedade laboral, a emigración e a identidade: “Trata temas universais que sempre estiveron aí pero agora aínda máis. Como nos vemos a nós mesmos como migrantes e como nos identificamos cos demais”.
O título Handen significa “mans” en holandés e ten un forte compoñente simbólico. “Usamos Handen porque as mans son unha ferramenta fundamental para traballar. E tamén para escribir. Pero tamén son un elemento expresivo, de contacto co outro. Ten esa dualidade co traballo, coa man de obra”, sinalou o director.
O protagonista é un escritor, o que xera un contrapunto co traballo físico na granxa: “A creación é algo etéreo, non tanxible, mentres que o traballo na granxa é coa terra, co presente, coa realidade máis crúa”.
Handen representa un salto importante para Ángel Filgueira e para a produtora galega Sétima, coa que xa colaborou en Cando toco un animal. O proxecto conta con axuda de Agadic para o desenvolvemento e o guión está a ser escrito xunto a Ashling Ocampo. “Agora toca construír a financiación internacional. A coprodución é necesaria desde o propio proxecto, porque no seu fondo está Holanda, a migración galega…”, afirma.
Filgueira acudirá ao mercado de Rotterdam xunto a Silvia Fuentes e Anxos Fazáns de Sétima. “É un proxecto grande pero ao mesmo tempo delicado, vinculado a experiencias miñas e de moita xente”, engadiu.


