A veciñanza da Portela expresou a súa satisfacción tras o anuncio de ADIF de modificar o proxecto da ponte recentemente reconstruída e quixo agradecer o seu apoio a todas as persoas e grupos que respaldaron as súas reivindicacións durante os últimos meses. Os residentes recoñecen de maneira especial a intervención da alcaldesa, Digna Rivas, destacando que “cumpriu a súa palabra coa veciñanza” ao realizar xestións directas co ente ferroviario para reclamar unha solución a unha obra que consideraban insuficiente e perigosa para o tránsito diario.
A veciñanza agradece tamén o respaldo unánime mostrado no pleno municipal polos distintos grupos políticos —PP, BNG e AER— que apoiaron a moción presentada para reclamar unha actuación urxente de ADIF na ponte da Portela. A iniciativa recollía as demandas dos veciños e veciñas de Cedeira, preocupados pola redución da ponte a un único carril de catro metros, unha situación que dificultaba o paso simultáneo de vehículos e xeraba problemas de seguridade nun tramo con pouca visibilidade.
Tras semanas de mobilizacións e protestas veciñais, ADIF confirmou ao Concello a súa disposición a modificar o proxecto inicial, substituíndo os pretiles de formigón por outros metálicos máis estreitos, o que permitirá ampliar a plataforma ata os seis metros de ancho.
Desde a Portela valoran positivamente este cambio, ao entender que responde ás necesidades reais do barrio e mellora notablemente a seguridade da circulación tanto para vehículos como para peóns. Con todo, aseguran que seguirán pendentes da evolución do proxecto, especialmente a reposición dos camiños que se están a empregar para a realización das obras e no referente a instalación da valla antivandálica, unha medida que ADIF mantén por obrigación da normativa ferroviaria.









