Representación das entidades que apoian o protocolo lingua vital xunto á coordinadora e o voceiro de Queremos Galego na rolda de prensa de presentación da manifestación do 17 de maio
Queremos Galego convoca unha manifestación o 17 de maio en Santiago de Compostela, Día das Letras Galegas, en defensa da lingua. O voceiro da plataforma, Marcos Maceira, explica a situación de “emerxencia lingüística” actual.
Baixo o lema “O galego, lingua vital”, a marcha sairá ás 12:00 h da Alameda e percorrerá as rúas da cidade. Haberá buses desde todas as comarcas.
A plataforma Queremos Galego, xunto con numerosas entidades políticas, sindicais, sociais e culturais (A Mesa pola Normalización, ANPAS Galegas, BNG, CIG, CCOO, UGT, STEG, Galiza Nova, Fundación Galiza Sempre, entre outras), presentou os detalles da mobilización. Trátase dunha resposta unitaria á “emerxencia lingüística” e á inacción da Xunta, que consideran un “desprezo” polo galego e pola renovación do Plan Xeral de Normalización.
Como alternativa, presentan o Protocolo Lingua Vital, un documento elaborado de forma participativa para reverter a situación e avanzar na oficialidade real do idioma.
A coordinadora Celia Armas lembrou tamén a figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, cun texto no que denunciaba o “bilingüismo harmónico” e as políticas que poñen en perigo o futuro do galego.


