Foto cedida polo CD Choco
O fútbol local deixou novas vitorias para o CD Choco, o CD Arcade e o Chapela CF, mentres que o CD Soutomaior non puido sumar puntos na casa. O CD Cesantes e o Atlético de Villar descansaron nesta xornada.
Primeira Galicia, Grupo 6
C.D. CHOCO 2 – 0 CLUB RÁPIDO DE BOUZAS
O CD Choco sumou unha nova vitoria no campo municipal de Santa Mariña ao impoñerse por 2-0 ao Club Rápido de Bouzas na sexta xornada de Primeira Galicia, no Grupo 6. O equipo redondelán continúa invicto e amplía a súa vantaxe ata os seis puntos sobre os seus perseguidores.
Os locais comezaron o encontro con forza e axiña atoparon o premio ao seu bo inicio. Lucas adiantou o Choco no minuto 3 e Hugo ampliou a renda no 19, deixando o partido encamiñado antes de chegar ao ecuador da primeira metade. Os redondeláns dispuxeron doutras ocasións para aumentar a diferenza, aínda que o encontro se igualou a medida que avanzaban os minutos.
Na segunda parte, o Rápido de Bouzas asumiu máis protagonismo coa intención de recortar distancias, pero o Choco mantivo a orde defensiva e conseguiu frear as acometidas visitantes. A ocasión máis clara dos boucenses chegou nos últimos compases, cun remate que se estrelou no traveseiro, sen que os visitantes conseguisen alterar o marcador.
Deste xeito, o conxunto redondelán pecha unha nova xornada con tres puntos máis e sen encaixar goles, consolidando o seu bo comezo de tempada. Na próxima xornada, o Choco desprazarase ao campo do Erizana CF para tratar de prolongar o seu momento positivo.
Primeira Galicia, Grupo 5
C.D. SPORT TEAM ESTRADA 0 – 1 C.D. ARCADE
O Arcade conseguiu unha vitoria a domicilio grazas ao tanto de Javier no minuto 31. O gol foi suficiente para que o conxunto visitante se levase os tres puntos do campo do Sport Team Estrada. O próximo compromiso será no Salgueirón, onde recibirá o SDC Ponte Caldelas.
C.D. SOUTOMAIOR 0 – 1 UMIA C.F.
O Soutomaior non tivo a mesma sorte e caeu pola mínima ante o Umia CF no Campo Municipal Graciano Padín. Os locais non conseguiron evitar a derrota por 0-1 e xa preparan a seguinte xornada, na que visitarán o Atlético Combarro en Poio, segundo clasificado da categoría.
Segunda Galicia
O CD Cesantes, no grupo de Pontevedra, e o Atlético de Villar, no grupo de Vigo, tiveron xornada de descanso. Ambos os equipos regresarán á competición o vindeiro 18 de outubro. O Cesantes visitará o Unión Dena CF, mentres que o Atlético de Villar xogará no campo do Tebra CF.
Terceira Galicia
MOLEDO C.F. 0 – 4 CHAPELA C.F.
O Chapela CF asinou unha contundente vitoria na súa visita ao Moledo CF, cun marcador de 0-4. Antón abriu o resultado no minuto 20 e Humberto marcou dous goles, nos minutos 26 e 56. Diego pechou a goleada no tramo final, co cuarto tanto no minuto 81. Na próxima xornada, o Chapela recibirá o CD Nieto.









