Foto de Patry Rivas
A Copa Federación xa botou a andar e fíxoo con resultados diferentes para os dous equipos redondeláns. A SAR OPmobility iniciou a tempada cunha contundente vitoria na casa ante o UB Lavadores, mentres que o Balonmán Chapela quedou ás portas do triunfo tras caer por un só gol ante o Atlético Novás.
A SAR OPmobility impón o seu ritmo desde o inicio
A SAR OPmobility tivo un estreo oficial de tempada moi positivo. O conxunto redondelán recibiu ao UB Lavadores e saíu á pista cunha gran intensidade, o que lle permitiu poñer rapidamente un 6-0 no marcador.
A solidez defensiva, a velocidade nas accións ofensivas e as intervencións baixo paus permitiron aos locais controlar o encontro desde os primeiros minutos. Ao descanso, a vantaxe xa era clara, cun 17-7 que deixaba o partido ben encamiñado.
Na segunda metade, a SAR mantivo a intensidade e continuou ampliando a súa renda. Os redondeláns seguiron competindo cada balón e defendendo con seguridade ata pechar o encontro cun contundente 35-17.
Unha estrea oficial que permite á SAR OPmobility comezar a tempada con boas sensacións. O seguinte compromiso na Copa Federación será a fin de semana do 13 de setembro, na pista do Bueu Atl. BM.
O Balonmán Chapela queda a un gol do triunfo
Pola súa banda, o Balonmán Chapela tamén iniciou a súa participación na Copa Federación, neste caso cun desprazamento ao Pavillón da Guarda para medirse ao Atlético Novás.
O equipo chapelán afrontaba o encontro con ilusión e moitas ganas de volver á competición e desfrutar novamente do balonmán. Porén, nun partido moi igualado, o triunfo acabou escapándose nos instantes finais.
O Atlético Novás impúxose por 28-27, deixando ao Balonmán Chapela sen premio despois de loitar ata o último momento por conseguir un resultado positivo.
O conxunto de Chapela queda encadrado no grupo B e aínda ten por diante dous encontros nesta fase. O primeiro será o 13 de setembro fronte ao Seis do Nadal, mentres que posteriormente se medirá ao Carballal. Dende o club sinalan que este partido serviu de adestramento e que están “enfocados no comezo da liga de Primeira Autonómica”.









