Manifestación o xoves en Ponte Sampaio
Os veciños de Ponte Sampaio volveron concentrarse este xoves para expresar un “non” rotundo ao posible peche do Centro de Saúde da parroquia. A mobilización, convocada por SOS Sanidade Pública, serviu tamén para reclamar unha solución á falta de persoal médico e de enfermaría durante os meses de verán.
A situación está a obrigar a derivar pacientes a outros centros sanitarios, entre eles o Virxe Peregrina, que xa soporta unha importante carga asistencial. Durante este mes, a consulta médica en Ponte Sampaio quedou reducida a unhas horas pola tarde, mentres que o servizo de enfermaría só está operativo dous días á semana.
A plataforma denuncia ademais anulacións de citas e desprazamentos de pacientes aos centros de A Parda ou Virxe Peregrina, unha situación que consideran inaceptable. SOS Sanidade Pública reclama neste contexto a dimisión do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ao entender que a falta de persoal e a redución da asistencia constitúen un «peche encuberto» do ambulatorio.
As mobilizacións terán continuidade nas próximas semanas. A Plataforma en Defensa da Sanidade de Redondela ten previsto reunirse a principios de setembro con SOS Vigo para analizar a situación e organizar novas accións. Nese encontro tamén se abordará a convocatoria dunha asemblea coa veciñanza para informar sobre os problemas que está a atravesar a atención primaria e coordinar futuras mobilizacións.
Desde a plataforma redondelá sinalan que a situación “continúa igual ou peor” e cifran en oito os médicos que faltan actualmente en Redondela. Denuncian que non se están cubrindo as xubilacións e que tamén existen dificultades para cubrir as substitucións no PAC pola falta de facultativos.
A problemática esténdese tamén a outros concellos da contorna. En Pazos de Borbén, segundo denuncia a plataforma, durante quince días do mes de agosto non se substituíu o médico titular nin se mantivo o reforzo previsto, xa que o facultativo que debía realizar esa substitución foi destinado a cubrir outro PAC.
As organizacións en defensa da sanidade pública consideran que estas situacións evidencian as dificultades que está a atravesar a atención primaria e reclaman medidas urxentes para garantir a asistencia sanitaria.









