Baixo a temática “A historia das Prazas de Abastos de Redondela” a Asociación de empresarios organiza este venres 29 e sábado 30 unha iniciativa que combinará tradición, comercio local, actividades familiares e promoción dos produtos de proximidade. O obxectivo desta primeira edición é render homenaxe á historia dos mercados tradicionais e destacar o papel fundamental que continúan desempeñando na vida social e económica da vila.
Durante a celebración, os asistentes poderán participar en concursos, promocións especiais nos distintos postos da Praza e actividades lúdicas nas que se repartirán numerosos premios e agasallos. Ademais, a ambientación musical e o ambiente festivo acompañarán toda a programación.
Un dos eixos centrais da festa será a exposición “A Historia dos Mercados”, un percorrido pola evolución das prazas de abastos de Redondela a través da súa arquitectura, a súa función social e a súa importancia como espazos de encontro e dinamización comercial. A mostra pretende tamén poñer en valor o comercio de proximidade e o patrimonio local vinculado aos mercados tradicionais.
Entre as actividades destacadas figura un xogo promocional no que a veciñanza poderá participar do 20 ao 30 de maio mediante unha tarxeta de cliente. As persoas participantes deberán acumular selos coas súas compras nos postos da Praza para conseguir tiradas nunha ruleta de premios, onde haberá agasallos, recordos promocionais e diferentes sorpresas relacionadas cos produtos do mercado.
A ruleta funcionará en intervalos de media hora a partir das 11:00 horas. O venres 29 estará activa de 11:00 a 11:30 e de 12:00 a 12:30 horas, mentres que o sábado 30 abrirá de 11:00 a 11:30, de 12:00 a 12:30 e de 13:00 a 13:30 horas.
A programación incluirá tamén actividades específicas para o público infantil durante a xornada do sábado 30. Os máis pequenos poderán participar en xogos tradicionais, nunha xincana para descubrir o mercado —individualmente ou por equipos— e nun taller creativo de delantais, no que personalizarán a súa propia peza para levar de recordo.









