Hoxe é Mércores 27 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Chapela CF segue medrando: máis de 300 licenzas e o sénior a un paso do ascenso

584430492_1397206199072054_4672942875287925702_n

O Chapela Club de Fútbol continúa crecendo cun aumento notable da base e o posible ascenso do sénior masculino. Nunha tempada marcada polos bos resultados do fútbol base, a consolidación do fútbol feminino e o playoff de ascenso do sénior masculino, o club afronta xa a planificación do curso 2026-2027 coa incorporación de Iván Valles como novo coordinador da base.

O novo coordinador explica que a súa chegada responde ao crecemento experimentado polo club nos últimos anos. “O Chapela medrou moitísimo e xurdiu a necesidade de incorporar un segundo coordinador para dar un pequeno empurrón á base e aos máis cativos”, indica, destacando tamén o traballo do coordinador xeral Miguel, ao que definiu como “todo un referente” no fútbol base.

O equipo sénior masculino certificou a súa presenza no playoff de ascenso tras unha gran segunda volta e unha decisiva vitoria por 2-5 fronte ao CD La Guía na última xornada.  O Chapela enfrontarase agora ao CD Pontellas nunha eliminatoria de ida e volta na que estará en xogo unha única praza de ascenso.  Este primeiro encontro da fase de promoción será o 31 de maio no Campo de Parada. “Ascender hoxe en día é moi complicado, pero xa é un mérito enorme o que conseguiu este equipo”, subliña.

Outro dos grandes focos do club segue sendo o fútbol feminino, unha área na que a entidade está realizando unha aposta decidida. O sénior feminino continúa pelexando por renovar o título de liga situadas na terceira posición da táboa a falta de tres xornadas para o final.  

A entidade traballa tamén na creación dun equipo alevín feminino para a próxima campaña e na consolidación dunha estrutura que permita ás xogadoras continuar competindo sen ter que abandonar o club. “Agora mesmo hai unha saída para as rapazas. Queremos darlle protagonismo ao fútbol feminino”, apunta. As xornadas de portas abertas están sendo outro dos grandes éxitos destas semanas. Segundo recoñeceu Valles, a resposta feminina está sorprendendo moi positivamente. “Están aparecendo tantas rapazas como rapaces cativos.”, sinala.

Na actualidade, o club conta con 15 equipos e supera as 300 licenzas federativas, unha cifra que confirma o seu crecemento.  Dentro da campaña de captación, o club está levando actividades deportivas aos centros educativos da zona.

As portas abertas prolongaranse ata finais de xuño e culminarán co V Torneo Concello de Redondela, previsto para os días 27 e 28 de xuño no campo do Chapela CF, sempre condicionado pola evolución do playoff de ascenso do sénior e a dispoñibilidade do campo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará