Redondela volve ser protagonista na escena cultural galega ao contar con tres proxectos finalistas na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música. Trátase do Festival Alternativo Millo Verde na categoría de Festivais (Premios Organistrum), da Canle de Rodri Míguez na categoría de Comunicación e Difusión Musical e do pianista Alejo Amoedo na categoría de Música Clásica e Contemporánea.
Os tres proxectos representan o pulo creativo e o compromiso coa cultura da nosa localidade que se consolida como un referente. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se decidirá os gañadores tras a votación aberta ao público e aos socios de Músicas ao Vivo (ata o 24 de maio).
O Festival Millo Verde: 19 anos de compromiso cultural
O Festival Alternativo Millo Verde chega á súa XIX edición consolidado como unha das citas imprescindibles do verán galego. Celebrarase os días 21, 22 e 23 de maio de 2026 na Área Recreativa da Praia de Cesantes cun cartel que mestura música underground, propostas internacionais e actividades culturais.
Esta edición ofrecerá ao redor de 17 concertos, con cabezas de cartel como Rebeliom do Inframundo, La Chiva Gantiva e Pan de Capazo, entre outros. O festival mantén o seu espírito alternativo, multicultural e participativo, combinando música con actividades culturais e un ambiente. Por segundo ano consecutivo, está entre os finalistas dos Premios Martín Códax na categoría de Festivais, xunto a propostas como Festival Arteficial e Surfing the Lérez.
Desde a súa creación, o Millo Verde creceu ano tras ano en público, programación e impacto, sen perder a esencia orixinal: un evento accesible, comprometido coa sustentabilidade e coa difusión da música galega e emerxente.
A Canle de Rodri Míguez: divulgación musical en galego desde Redondela
Pola súa banda, o xornalista redondelán Rodri Míguez é finalista na categoría de Comunicación e Difusión Musical coa súa canle (@rodrimiguez ), xunto a Galicia En Concierto e Fogar dos Festivais.
Míguez é unha figura activa na promoción da música galega: crea contido en TikTok, YouTube e redes sociais, cubre festivais, entrevista artistas e divulga discos e proxectos en galego. Recentemente gañou o premio á Mellor Canle nos Premios Youtubeiras+ e xa fora finalista na edición anterior dos Martín Códax. A súa traxectoria inclúe tamén a comunicación de festivais e o seu último lanzamento: Sons podcast.
Alejo Amoedo: o pianista redondelán na categoría de Música Clásica e Contemporánea
Alejo Amoedo (nado en Redondela en 1966), pianista especializado en repertorio de compositores galegos, completa o trío de finalistas da localidade. Compite na categoría de Música Clásica e Contemporánea xunto a Ensemble Alletamento e María Mendoza.
Amoedo ten unha longa traxectoria como intérprete, con discos como Evocación (dedicado a Reveriano Soutullo) e actuacións en recitais e homenaxes a compositores galegos. É unha figura consolidada na difusión da música clásica galega.
Pódese votar na web oficial dos Premios Martín Códax da Música. Segue a actualidade en milloverde.org e @rodrimiguez97, así como nas redes de Alejo Amoedo.










