O C.D. Choco descende tras caer derrotado 4-2 na última xornada no campo do Atlético Arnoia, nun partido no que os redondeláns adiantáronse no marcador pero non puideron conter a reacción local e os erros defensivos que marcaron a súa tempada.
Categoría Preferente
ATLÉTICO ARNOIA – C.D. CHOCO (4-2)
O Atlético Arnoia impúxose por 4-2 ao C.D. Choco na última xornada da liga Preferente, nun partido que deixou ao equipo redondelán no posto 15 da táboa e en zona de descenso directo. A tempada rematou con balance de 8 vitorias, 9 empates e 17 derrotas para os de Redondela.
O encontro seguiu o guión habitual da segunda volta do Choco. Os visitantes saíron moi metidos no partido, dominando o xogo e sendo superiores aos locais. Fruto dese dominio chegou o 1-0 no minuto 22, cun gol de Graña tras un centro lateral. Ata case o descanso, o Choco seguiu a ser protagonista, movendo o balón de lado a lado e xogando con claridade, pero un erro defensivo permitiu ao Arnoia empatar no minuto 35. Dez minutos despois, xa no 45, os locais deron a volta ao marcador con outro tanto antes do intermedio.
No descanso, o técnico Álvaro Soto intentou axustes no ataque e buscar a vitoria, consciente de que o equipo necesitaba os tres puntos. No segundo tempo, o Choco seguiu xerando perigo e contou con dúas ou tres ocasións moi claras, incluído un penalti non sinalado a Kevin. Sen embargo, o Arnoia foi moito máis efectivo: aproveitou dúas contras para ampliar a vantaxe e acabou sentenciando o choque. O segundo gol redondelán chegou xa no minuto 81, cun remate de Alejandro García, pero foi insuficiente para evitar a derrota.
Segundo explicou o adestrador, a dinámica foi similar á vista noutras xornadas recentes, como a de Villalonga. O equipo saíu forte e dominou tramos importantes, pero a falta de consistencia defensiva foi decisiva. “Arnoia xerounos cinco ou seis ocasións e meteu catro goles, mentres que nós tivemos 10 ou 12 e só marcamos dous”, resumiu Soto, quen recoñeceu que esta tempada o Choco foi un equipo que marcou moitos goles pero recibiu demasiados, algo que penalizou en exceso nunha categoría onde os erros se pagan caros.
A derrota deixa un sabor amargo nunha xornada final na que o Choco dependía de si mesmo para salvarse. Os xogadores, a directiva e o corpo técnico remataron dolidos tras un esforzo importante durante toda a campaña, especialmente nas últimas xornadas, onde os erros atrás impediron conseguir os resultados necesarios.
Un final negativo para unha tempada na que o C.D. Choco competiu con dignidade pero non puido evitar o descenso directo. Agora, o club deberá traballar para volver á categoría o máis axiña posible.
Primeira Galicia
AT. CUNTIS C.F. – C.D. ARCADE (0-5)
O Arcade pechou a liga cunha vitoria clara e convincente por 0-5 no campo do Cuntis. O equipo rematou nunha cómoda sexta posición da táboa xeral tras unha tempada regular, con 13 vitorias, 10 empates e 11 derrotas.
Segunda Galicia
ATLÉTICO COMBARRO – C.D. SOUTOMAIOR (2-1)
O Soutomaior caeu derrotado (2-1) na última xornada fronte ao Combarro, pero mantivo a cuarta posición, que lle dá dereito a disputar o play-off de ascenso a Primeira Galicia. O balance da tempada é moi positivo: 55 puntos, con 15 vitorias, 5 empates e 9 derrotas.
Terceira Galicia, Grupo Pontevedra
CATOIRA S.D. – C.D. CESANTES (1-4)
O C.D. Cesantes concluíu unha gran tempada no segundo posto do Grupo Pontevedra con 63 puntos, a tan só dous do Campaño SD, que se proclamou campión con 65.
Actualmente xa compiten na fase de ascenso (play-off) que enfronta aos mellores equipos dos dous grupos da zona de Pontevedra. Na ida dos cuartos de final, o Cesantes impuxo a súa superioridade no campo do Catoira cun contundente 1-4. O partido de volta disputarase o próximo domingo 24 de maio.
A gran final da fase de ascenso está prevista para o 21 de xuño.
Os de Cesantes realizaron un curso espectacular: 19 vitorias, 6 empates e só 3 derrotas. Destaca especialmente o rendemento de David, que pechou a liga como máximo goleador con 43 goles (un promedio de 1,5 tantos por partido).
Terceira Galicia, Grupo Vigo 1
RACING CASTRELOS F.C. “B” – ATLÉTICO VILLAR (1-1)
O Atlético Villar despediu a liga cun empate a un fronte ao Racing Castrelos B. Rematou cunha tempada espectacular de 77 puntos (24 vitorias, 5 empates e 3 derrotas) e xa ten o ascenso matemático asegurado dende fai semanas.
CHAPELA C.F. – CELTA ACADEMY “B” (0-1)
Pola súa banda, o Chapela CF perdeu 0-1 na penúltima xornada contra o Celta Academy B no seu campo. O equipo ocupa o cuarto posto con 61 puntos (19 vitorias, 4 empates e 8 derrotas). Todo se decidirá na última xornada no campo do CD La Guía (segundo clasificado): o Chapela necesita a vitoria para asegurar a praza de play-off. A directiva anima á afección a desprazarse e apoiar ao equipo nun partido decisivo.
Nos play-off, o terceiro e o cuarto clasificado do Grupo 1 enfrontaranse ao terceiro e cuarto do Grupo 2 (cruce de catro equipos por unha praza de ascenso). Disputaranse partidos de ida e volta. Os gañadores de cada eliminatoria avanzarán á final, que tamén se xogará a ida e volta, para decidir o ascenso. Unha xornada final chea de emocións e con varios equipos con aspiracións de ascenso.









