A Asociación Alén nós denuncia un novo atentado contra o patrimonio. A parte superior do monolito dereito que marca a entrada ao Pazo de Torres Agrelo foi derrubada este mércores, despois de que supostamente un dos vehículos pesados que circulan a diario por esta estrada impactara contra a estrutura. O elemento afectado é o que contén a inscrición “Agrelo” e formaba parte do conxunto histórico que sinaliza o acceso ao pazo. Alén Nós reclama ao Concello que traslade ambos monolitos a un lugar máis axeitado.
A asociación advirte que o deterioramento do conxunto levaba tempo producíndose debido ao constante paso de camións e vehículos pesados por unha vía que consideran non é a máis axeitada para este tipo de tráfico. Explican que o espazo existente entre os dous monolitos non permite o paso seguro de vehículos de gran tamaño, o que provoca roces e impactos continuados contra as pezas de pedra. Esta situación sería a que acabou provocando a caída da parte superior dun dos piares.
Máis aló da perda patrimonial, Alén Nós alerta do perigo que supón a caída de grandes pezas de granito dende esa altura “un desprendemento deste tipo podería causar graves danos se nese momento transitara pola zona algún peón, ciclista ou vehículo”.
Advirten tamén que o monolito que permanece en pé podería presentar inestabilidade, polo que consideran necesaria unha intervención inmediata para asegurar a zona e evitar novos incidentes.
Proposta de traslado
Como solución, a asociación propón trasladar ambos monolitos á entrada da pista que conduce directamente ao pazo, situada aproximadamente a cen metros do lugar actual. Trátase dun vial con máis anchura e con circulación limitada a vehículos privados das vivendas próximas e do propio Pazo. Entenden que ese novo emprazamento permitiría garantir o paso seguro do tráfico na estrada actual, preservar a integridade do conxunto monumental e recuperar a súa función simbólica de acceso ao pazo.
A asociación fai un chamamento ao Concello para que actúe con rapidez tanto para asegurar a zona, como para iniciar as xestións necesarias que permitan identificar os responsables do incidente e evitar que se repitan este tipo de danos.
Piden tamén ao goberno municipal que impulse de xeito inmediato o proxecto de traslado dos monolitos co obxectivo de protexer este elementos históricos antes de que o seu deterioro sexa irreversible.
Os veciños lembran que, durante as obras do trazado do AVE nas inmediacións, os monolitos foron desmontados, almacenados e posteriormente recolocados, polo que consideran que o seu traslado sería tecnicamente viable “se existe vontade institucional para facelo”.











