Na División de Honra Prata Feminina, o SAR Rodavigo consolidou o seu bo momento e sumou unha importante vitoria na Bombonera fronte ao Balonmano Sanse. As redondelás dominaron desde o inicio, cun arranque moi sólido que lles permitiu chegar ao primeiro cuarto con 6-2. A portería, grazas ás intervencións decisivas de Lucía Vázquez, foi clave para manter ás madrileñas a distancia. Ao descanso, o marcador reflectía un 10-8. Na segunda metade, malia algunhas imprecisións en ataque, a defensa permitiu controlar o encontro e pechar a vitoria por 23-19. Con estes dous puntos, o SAR Rodavigo ascende á quinta posición da clasificación, o mellor posto da tempada ata o momento. A vindeira xornada, as de Redondela visitarán Palencia para enfrontarse ao Balonmano Fuentes Carrionas.
Na Segunda Autonómica, a SAR Impernoroeste disputou un partido moi complicado na pista do Bueu Atl. BM, segundo clasificado. Os primeiros minutos foron igualados (7-7 no minuto 17), pero as locais aproveitaron erros para irse ao descanso con vantaxe (12-8). Tras a reanudación, a boa defensa das visitantes mantivo o equipo no partido, aínda que os fallos en lanzamentos impediron a remontada. O encontro rematou 24-20 para o Bueu. Malia a derrota, queda a sensación de que se puido rascar algo máis. O vindeiro partido será un derbi na Bomboneira fronte ao Balonmano Chapela, un duelo entre o terceiro e cuarto posto da táboa que promete moita emoción.
Precisamente o Balonmano Chapela protagonizou un intenso partido na súa pista fronte ao Balonmano Tui, que rematou cun empate 25-25. As locais comezaron igualadas (2-2 nos primeiros minutos), pero dominaron a primeira metade e chegaron ao descanso con 14-9. Mantiveron a vantaxe case ata o final, pero o Tui apretou nos últimos minutos: cun 25-22 no 55, conseguiron marcar tres goles para rescatar un punto. As de Chapela continúan na terceira posición da clasificación. A próxima xornada enfróntanse na Bomboneira ao SAR Impernoroeste, nun derbi de alto nivel entre dous equipos que loitan polos postos altos.
Pola súa banda, as Choqueiras de Redondela non puideron manter a vantaxe na casa fronte ao Lavadores Vigo B e caeron derrotadas por 26-31. As locais dominaron a primeira metade e chegaron ao descanso con 19-13, pero as visitantes gañaron forza na recta final e deron a volta ao marcador. As Choqueiras sitúanse na sétima praza da clasificación xeral. Na vindeira xornada visitarán o CP Lucense, actual colista do grupo.









