O atleta Gael Couñago, representante do Club de Atletismo de Redondela (A.D.CAR), converteuse nun dos grandes protagonistas do Campionato de España sub-18 de pista cuberta, celebrado no velódromo Lluís Puig de Valencia. O mozo redondelán fixo historia ao conquistar unha medalla de bronce na proba de salto de altura, alcanzando os 2.00 metros e consolidándose como unha das promesas máis destacadas do atletismo nacional nesta disciplina.
Couñago, considerado pola Federación Galega de Atletismo como a “revelación deste ano”, chegou á competición cun obxectivo claro: quedar entre os seis primeiros. Non só superou as expectativas, senón que repetiu a súa marca persoal e subiu ao podio nunha proba marcada pola alta presión e o nivel dos competidores. O concurso de altura estivo cargado de emoción e táctica: o ouro foi para Nicolás Clemente (2.06 m), quen dominou con solvencia, mentres que a prata recaeu en Yoel Pérez, empatado con Couñago nos 2.00 metros, pero cun intento menos fallado no 2.02, o que decidiu as posicións finais.
A medalla de bronce supón un recoñecemento ao esforzo e á dedicación de Gael, quen estivo acompañado en todo momento polo seu adestrador, Javier Besada Vázquez. O galardón foi entregado polo presidente da Federación Galega de Atletismo, presente tamén na entrega de premios a outros deportistas galegos destacados na competición. Desde o club, a directiva non escatimou en eloxios ao seu atleta, resaltando o mérito dun resultado deste calibre a pesar das carencias locais: “que Gael consiga un podio nacional sen unha pista de atletismo apropiada en Redondela é unha proba do talento e compromiso dos deportistas do municipio”. Neste senso, sinalaron que a Comunidade de Montes de Saxamonde, en votación popultar, rexeitou a proposta de construír unha pista regulada, un proxecto que podería impulsar o deporte na zona pero que segue bloqueado por trabas administrativas.
A actuación de Couñago non foi un feito illado para a área de Vigo, que regresou de Valencia con tres medallas: o ouro de Álex Sierpes (3.000 m), a prata de Martiño Salgado (400 m) e o seu bronce. A progresión do redondelán, unida ao seu excelente estado de forma, sitúao como un nome a seguir no panorama atlético español. O seu éxito en Valencia é unha mostra do potencial que atesoura e un impulso para o Club de Atletismo de Redondela, que ve nel un exemplo do que se pode lograr co traballo constante, mesmo nas condicións máis adversas.

Galicia contou con media ducia máis de medallistas en Valencia, catro do Ourense Atletismo: ouros de Sabela Castelo no 3.000 (10:12.99) e de Hugo Casañas en peso (18.89), prata de Iria Soleira en altura (1.73) e bronce de Aitana Capeans en peso (14.55). As outras dúas foron de atletas da Ximnástica de Pontevedra: prata de Sabela Martínez en 800 (2:13.55) e bronce de Paula Fernández no 3.000 (10:17.81).
