Ecoloxistas en Acción presentan na Alameda Castelao a exposición itinerante que está a percorrer diferentes concellos da contorna co obxecto de pór en valor os servizos ecosistémicos dos montes veciñais e alertar das múltiples agresións ambientais que están sufrindo. A exposición consta de 9 paneis agrupados tematicamente en 3 expositores triangulares e chega a Redondela da man da asociación ArteLixo onde permanecerá durante un mes.
Para Ecoloxistas en Acción os montes veciñais son peza clave para a transición ecolóxica en Galicia. Ademais do seu valor patrimonial en canto a biodiversidade, o monte comunal aporta beneficios como auga e biomasa a milleiros de veciños e veciñas. Por iso, a organización ecoloxista promove que se declaren as comunidades de montes como unha figura de protección ambiental en si mesma.
Porén múltiples proxectos ameazan o monte comunal galego, desde maceocelulosas como Altri, fomentadoras do monocultivo de eucalipto, explotacións mineiras, ata o proxecto GS360 do Real Club Celta nos montes de Tameiga, Mos, coa expropiación e recalificación de solo rústico para beneficio privado duns poucos. A maioría destes proxectos, a pesar de ser moi agresivos social e ambientalmente, contan co aval da Xunta de Galicia ata o punto de que os declara Proxectos de Interese Autonómico ou Estratéxico.
Para frear a devastación do monte galego, Ecoloxistas en Acción impulsou xunto coa Organización Galega de Comunidade de Montes, a plataforma A Auga é Vida e a Comunidade de Montes de Tameiga, está exposición para pór en valor o monte veciñal.
A través dos seus paneis, a mostra salienta a relevancia dos montes comunais como abastecedores de enerxía, osíxeno e a captación de CO2 como os máis importantes beneficios subministrados polo monte veciñal. Nun dos expositores destácase tamén a relevancia das traídas de auga veciñal como o xeito maioritario de abastecemento de auga dos fogares do rural galego. Pero hai tamén oco para as agresións medioambientais como os impactos que provoca no monte comunal do proxecto GS-360 da Sociedade deportiva R.C. Celta.
A iniciativa conta coa colaboración da Organización Galega de Comunidade de Montes, da plataforma A Auga é Vida e a Comunidade de Montes de Tameiga. Ademais conta coa financiación do Ministerio de Transición Enerxética e Reto Demográfico.