Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As mulleres empresarias toman a palabra en Redondela

emprendedoras

O Convento de Vilavella acolleu durante a mañá de hoxe un encontro con obxecto de poñer en valor e visibilizar o traballo das mulleres no mundo empresarial así como compartir experiencias e sinerxias entre todas esas mulleres que lideran un proxecto empresarial. Unha actividade que forma parte das iniciativas que ao longo deste mes organizou a Asociación de Empresarios co gallo do 8M e que serviu para coñecer proxectos de sectores como o túrístico (Aloxamentos Rúa do Medio), o da moda (os Kimonos de Coco&Colet), a venta ao por menor (Vichy Telas) ou o sector da alimentación (Avoa Makika), entre outros.

 O número de mulleres que lideran proxectos empresariais no ámbito local está case no 45%, con porcentaxes de representación sectorial moi dispares que van dende un  11% no sector industrial ata case o 52% no sector comercial. Uns datos que a Asociación de Empresarios quere poñer en valor salientando que “estamos acadando a paridade no que se refire a presenza da muller no sector económico”.

Na xornada de hoxe reuniron nun encontro a boa parte desas mulleres co obxecto de compartir experiencias e poñer en común as problemáticas as que se hai que enfrontar á hora de emprender e botar andar cun negocio así como a ilusión e satisfacción que hai detrás de cada un dos negocios que ten éxito. Mulleres de sectores diversos que nos relataban as súas iniciativas.

Ana Isabel Iglesias (albergue Rúa do Medio)

Esta veciña de Redondela pasou do comercio ao sector do turismo coa posta en marcha de tres albergues na Rúa do Medio. A idea naceu hai xa uns anos e comeza a desenvolverse en plena pandemia. A súa promotora decide poñer en valor tres vivendas que eran propiedade da súa avoa e darlles un uso diferentes: aproveitar o crecemento exponencial do Camiño de Santiago e convertelas nun aloxamento atendendo á gran cantidade de xente que busca onde durmir en Redondela.

A súa condición de muller foi algo que determinou tamén o proxecto, xa que se trata dun negocio que lle permite conciliar “malia que ao final a túa vida xira completamente en torno ao negocio”.

Belen Abelleira (Coco&Colet)

Xerente dunha tenda de roupa situada na rúa José Regojo, Belén Abelleira decide dar un paso máis e pasar de centrarse exclusivamente nas vendas a elaborar produtos tan específicos como son os kimonos. A idea nace porque “son unhas prendas que me apaixonan, fixen o primeiro kimono e a través das redes sociais decateime do interese que espertaban”. Explica que se trata de prendas exclusivas “non hai kimono igual a outro”. O obxectivo é ir a unha moda sostible “son prendas slow fashion, non prendas efémeras de usar e tirar”. Unha iniciativa que está a ter un éxito indiscutible con 150 unidades vendidas en tan só un ano.

Silvia Alonso (Vichy Telas)

Propietaria dunha tenda de venda ao por menor de teas e material de costura e a confección, o seu traballo vai moito máis aló “ arranxos, mandilóns para os coles, roupa de traballo, encargos variados, elaboración de patróns…” é consciente de que a súa conta pendente son as redes sociais”. “Moita xente non me coñece porque a miña tenda é pequena, non conta cun escaparate moi grande e me falta dar visibilidade ao meu traballo tamén a través da redes, un xeito de chegar a potenciais clientes”.

Un sector ao que chegou forzada pola crise económica do 2011 que a deixou no desemprego tras anos traballando como comercial e oficinista nunha empresa de venta de electrodomésticos. Un revés que foi tamén unha oportunidade “reinventeime laboralmente, fixen cursos de costura e decidín montar o meu propio negocio”.

Pilar Sotelino Avoa Makika

Centrada na elaboración de marmeladas naturais, elaboradas de forma artesanal, sen colorantes e ecolóxicas, chega a este negocio inspirada polo que viviu na súa familia, cunha avoa “que facía milagres na cociña, con once fillos aos que había que alimentar”. Tamén froito dunha decisión persoal “quixen reincorporarme ao mercado laboral unha vez que os meus fillos foron maiores e decidín poñer en marcha este negocio hai tan só un ano”. O obxectivo de Pilar é facerse un oco no mercado malia que é consciente que ten que buscar unha clientela diferente que estea disposta a pagar un pouco máis por un produto de calidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará