Hoxe é Martes 7 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A atención das emerxencias en Redondela volve ao debate político

ges

Logo de que o PP se comprometese a poñer en marcha o servizo do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) no caso de recuperar a alcaldía nas próximas eleccións municipais, a alcaldesa Digna Rivas responde “Bas promete un GES que o seu partido rexeitou en pleno en xaneiro de 2022” . Dende a Agrupación de Electores desmárcanse dun posible servizo en Mos “que supón unha demora de dez minutos na resposta” e propoñen un convenio cos bombeiros de Vigo para atender xa as emerxencias de Redondela.

O Grupo municipal popular presentou a implantación do GES Redondela-Mos como promesa electoral cando, asegura a alcaldesa Digna Rivas “votou en contra da súa aprobación no pleno de xaneiro de 2022 nunha iniciativa levada polo grupo de goberno socialista”.

Rivas cualifica de “vergoñento e indignante” a promesa electoral do PP de implantar o GES Redondela-Mos se volve a alcaldía logo de votar en contra desta proposta e cualifica de  “paradoxa” que os populares de Bas “en prensa e nas redes sociais formulen o GES como proposta electoral e acusen a este goberno de inactividade, cando o tivemos sobre a mesa en varias ocasións e votaron en contra da súa implantación”.

Asegura ademais o PSOE que dende a súa chegada ao Concello “a creación dun servizo de emerxencias que cubrira as necesidades de Redondela foi e segue a ser unha prioridade”. Neste sentido apuntan que as instalacións xa están preparadas para acoller o GES detrás do Pavillón A Marisma, onde está asentado o SEIS de Redondela.

Bombeiros de Vigo

Pola súa banda, a Agrupación de Electores de Redondela propón que sexa o parque de bombeiros de Vigo quen atenda as emerxencias do municipio, en lugar do GES con sede en Mos. “Estamos a falar do corpo que dispón de máis e mellores medios, tanto técnicos como humanos da comarca e, asemade, ten unha proximidade de menos de 10 minutos ao casco urbano de Redondela e de menos de 5 do casco urbano en Chapela”, aseguran desde AER. “É un sen sentido que as emerxencias de Redondela, o cuarto municipio da provincia, sexa atendido por un experimento de servizo como é o GES, con sede en Mos e non en Redondela.”

Segundo AER “o último e lamentable exemplo aconteceu na madrugada do sábado 28 de xaneiro cando un incendio nun contenedor calcinou un vehículo aparcado ao seu carón. A lenta resposta do GES non evitou que o lume se propagase”. Esta falta de resposta rápida débese “a que o GES está radicado en Mos, aínda que Redondela conte, case, co dobre de poboación, uns 15.000 habitantes fronte a 30.000, respectivamente”.

AER propón asinar un convenio cos bombeiros de Vigo para atender xa as emerxencias vitais do Concello de Redondela. En paralelo, defende dotar ao xa existente Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), antigo Grumir situado no pavillón da Marisma, cos medios suficientes para prestar un servizo de 16 horas ao día os sete días da semana. Nestes momentos o SEIS so conta con 3 efectivos persoais e, dito número, habería que aumentalo ata 8 persoas como mínimo, así como un novo camión motobomba. A proposta de AER é o que o Concello teña ese compromiso para ir incrementando os medios de xeito progresivo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará