Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arrancan as obras de humanización da Rúa Picota

obras picota

As obras de humanización da “peza urbana” de Redondela formada pola rúa Picota e as prazas da Fonte do Mouro e da capela de Santa Mariña buscan transformar esta zona nun espazo máis sostible e máis “amable” para os peóns. O deputado Santos Héctor visitou o lugar acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, e valorou a transformación radical que se financiará con 849.254 euros procedentes da Deputación, que achega o 75% do importe, e o Concello, no marco do plan provincial ReacPon.

Un dos aspectos máis valorados do proxecto redondelán, que concorreu á convocatoria competitiva da Deputación, é que a rúa da Picota forma parte do Camiño Portugués ao seu paso polo centro urbano. É o único tramo que non conta aínda co pavimento de lastros identificativo do itinerario xacobeo e un deseño que facilite o tránsito peonil. Toda esta zona, explicou a alcaldesa, foi pensada hai tempo para os coches e sen ter en conta o encontro cos bens patrimoniais da súa contorna e sen facer unha lectura correcta do trazado da cidade vella.

Grazas ao plan provincial ReacPon recuperarase o espazo público para as persoas converténdoo nun lugar accesible e seguro. Para iso mellorarase o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da capela de Santa Mariña. Deste xeito crearase unha zona continua onde o tránsito peonil será protagonista. Ademais preténdese harmonizar o trazado da rúa co tratamento das prazas cun pavimento en plataforma única que resolverá correctamente a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

O proxecto redondelán é tamén unha aposta firme contra o “feísmo”, pois mellora accesos ás vivendas, establecementos de hostalería e aparcamentos, ademais de poñer en valor as dúas prazas coa instalación de mobiliario urbano e espazos de estancia con bancos. Entre os materiais que se empregarán destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, o formigón para beirarrúas e chanzos e o lastro para habilitar franxas de separación entre as beirarrúas e o pavimento base na área de circulación rodada.

O Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, adxudicado en réxime de concorrencia competitiva entre os proxectos presentados polos concellos de toda a provincia de menos de 50.000 habitantes, está dotado cun total de 26,33 millóns de euros e ten como obxectivos impulsar a reactivación económica, ademais de contribuír a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e no Plan de Resiliencia e Transformación do Goberno de España. Un total de 47 concellos lograron a achega provincial. A Deputación está a financiar nestes intres un total de 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas públicas, cinco reformas de casas do concello, cinco reformas de espazos culturais, oito novas infraestruturas deportivas e a ampliación con criterios ecolóxicos dun cemiterio municipal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará