Hoxe é Xoves 2 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Goberno local fiscaliza a actuación da empresa concesionaria do SAF

servizos sociais

A alcaldesa Digna Rivas subliña que as reunións que mantén coa empresa e os informes diarios que recibe teñen a finalidade de “comprobar en tempo real a eficacia do servizo”. Dende a CUT manteñen a convocatoria de concentración diante do Concello en protesta pola xestión da nova concesionaria do SAF, a empresa Os Ventos. A protesta será este xoves ás 12:00 horas.

Rivas asegura que o Goberno local mantén unha “continua labor de fiscalización” sobre a empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar para comprobar que en todo momento cumpra coas condicións establecidas no prego de condicións polo que se rexeu a contratación do servizo.

As reunións coa empresa e os informes que recibe diariamente van encamiñados tamén a comprobar que a empresa cumpre “as condicións laborais das auxiliares no fogar” que para Digna Rivas “son as profesionais máis imprescindibles do servizo” e que as veces “non reciben o recoñecemento que merecen”.

A rexedora local remitiu unha carta ás persoas usuarias nas que subliña que o Concello está ao tanto das posibles incidencias que se producen no servizo para “darlles solución inmediata e que non afecten á calidade do servizo nin as persoas usuarias do mesmo”.

Amais de ter esixido documentación da alta laboral das traballadoras na Tesourería da Seguridade Social, o Goberno local ten en marcha outras accións dirixidas reducir “o cambio constante de auxiliares que se está a facer nas familias” e do mesmo xeito desenvolve accións continuadas “de cara a asegurarnos do cumprimento da totalidade do horario das auxiliares e evitar os posibles atrasos na chegada aos domicilios”. Neste sentido solicitou á empresa que “o traballo se realice por zonas xeográficas para evitar, na medida do posible, os desprazamentos”.

A alcaldesa de Redondela lembra que o Goberno que preside “ten a obriga de velar polo cumprimento estrito do prego de condicións establecido na contratación e da fiscalización continua da prestación do servizo en condicións óptimas”. “A empresa ten que prestar un servizo acordado e nas condicións estipuladas e o Concello e esta alcaldesa velan, día a día, porque se faga de xeito satisfactorio para os usuarios e usuarias”, conclúe a rexedora local.

Concentración

Pola súa banda, a central sindical CUT convoca este xoves ás 12:00 horas unha concentración na praza do Concello para protestar polos incumprimentos da empresa. Segundo explican, a empresa Os Ventos, que accedeu ao servizo hai apenas catro meses, está a incumprir diferentes aspectos como o feito de carecer de protocolos de saúde antes os contaxios Covid, non pagar as traballadoras porque segundo din “esta empresa ten como único obxectivo abaratar os custes na procura dun maior rendemento económico sen importarlles a calidade do servizo prestado nin a seguridade tanto para as persoas traballadoras como as usuarias”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará