Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

II Choquiño Urban Jam, unha cita para os amantes do deporte urbano

choquiño

O skatepark da Marisma acolle este sábado a segunda edición dun evento que naceu en pandemia e que busca consolidarse como un referente no que se dean cita os mellores skaters e riders da comarca. “Dentro duns anos este evento terá a mesma repercusión que o Marisquiño de Vigo” asegura a alcaldesa, Digna Rivas, quen presentou esta cita xunto cos membros da organización que confían superar as cifras do ano pasado en canto a participantes e público.

Digna Rivas, alcaldesa Redondela

Unha xornada na que ademais das competicións de skate, scooter, bmx e baloncesto 3×3, engádese unha exhibición de baile a cargo de Dansarey, un concerto con Lian Mo e Buyo & Soliño e unha sesión DJ con DJ Fergwel.

Marcos Formoselle e Manuel Pazos, organizadores

“O Choquiño Urban Jam camiña con paso firme cara a súa consolidación e a converterse nunha cita obrigada para os amantes do deporte urbano”, engadía a alcaldesa rodeada dalgúns dos mozos que van participar na cita do sábado, unha completa xornada na que se poderán ver exhibicións de deportes urbanos como o skate, BMX e o scooter, así como unha competición de balonman 3×3 na que se espera a participación duns vinte equipos “malia que a inscrición aínda está aberta polo que poderían ser máis”. Tomé explicaba que a dinámica do torneo “farase polo tradicional sistema dunha primeira fase de todos contra todos, divididos en catro grupos para dar paso a unha segunda fase na que se enfronten os dous primeiros de cada grupo”. Os partidos disputaranse, de xeito ininterrompido dende as 10 h ata as 20 horas, aproximadamente.

Tomé fala da competición de balonmán

Na presentación, a rexedora local estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Nacho González, e representantes da organización “que son todos mozos e mozas de Redondela o que é un motivo máis de orgullo”, afirmou a alcaldesa que insistiu en que esta cita co deporte urbano “sería imposible sen a implicación da mocidade que amosa, unha vez máis, a súa capacidade de traballo e de compromiso con iniciativas que, como esta, seguen a poñer a Redondela no mapa dos eventos deportivos e culturais”. Quixo subliñar a “importante participación” das mozas en este evento “e que por diversas circunstancias non poden estar aquí pero son Ana, Paula, Uxía e Arantxa, que forman parte da organización e que traballan arreo para que todo estea a punto para esta cita coa cultura urbana”.

Rivas agradecía a mozos e mozas a súa implicación nesta actividade

Pola súa banda, Marcos Formoselle e Manuel Pazos, alma mater do Choquiño Urban Jam agradecían o apoio do Concello nesta segunda edición “na que contamos cun auténtico equipazo para que todo saia á perfección” e confían en que o esforzo publicitario que están a facer “a través das redes pero tamén achegándonos a diferentes skates da comarca, se traduza nunha importante presenza de público e participantes”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará