Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Choco lanza un álbum de cromos cos xogadores do club

choco album

Unha iniciativa que espertou a ilusión de xogadores e xogadoras, familiares e amigos que poden ter reunido nun álbum as imaxes de todos os futbolistas das categorías inferiores. Unha proposta que partiu da directiva do Choco que busca así agasallar aos integrantes do club cun proxecto que vai máis aló do deportivo.

Olaya González, responsable comunicación do Choco

A imaxe de nenos e nenas intercambiando cromos é algo máis que habitual, pero que neses cromos os protagonistas sexan os rapaces do Club Deportivo Choco é a primeira vez que acontece. O éxito da iniciativa, que supuxo moitas horas de traballo, está máis que confirmado vista a ilusión que está a causar en todos os implicados “sobre todo os máis cativos, que non se cansan de intercambiar eses cromos ou incluso os regalan cando ven que lle tocou a imaxe dun compañeiro”.

Así o explica Olaya González, responsable de comunicación e fotógrafa que tivo que lidiar con toda unha pandemia para poder facer as imaxes que logo se trasladaron aos cromos. O máis complicado explica, foron as fotografías de grupo, xa que non era doado reunir a todos os xogadores dun equipo “as veces porque había algún con coronavirus, pero tamén pola necesidade de conciliar axendas”.

Con todo, o traballo realizado viuse recompensado unha vez se publicou a colección “unha lembranza para toda a vida para eses nenos e nenas que se ven reflexados nos cromos como se foran xogadores de primeira división”. De feito, confesa Olaya que de cara ao futuro repetirán a experiencia “non sabemos con que periodicidade imos facer o álbum, non será cada ano, pero si que se repetirá no futuro”.

Mentres, quedámonos con este álbum que se pode conseguir de balde na cantina do campo do Choco. Os cromos si hai que compralos, no club ou no Kiosco Cocó. Para facilitar que se poida completar o álbum hai unha oferta de 23 sobres por 20 euros que garante que non hai ningún cromo repetido. Tamén hai algúns cromos premiados con mochilas e outros agasallos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará