Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As remeiras de Chapela acadan o título de Campioas de España

Foto de Alicia Tizón

Chapela estivo presente no campionato de España que se celebrou este sábado 30 e domingo 1 de maio na localidade de Pasaia no País Vasco. O club de Remo de chapela participaba con dúas embarcacións e logrou a vitoria co Absoluto Feminino, mentres que o equipo Cadete Masculino clasificouse en terceiro lugar.

O campionato foi un reto difícil con resultados moi axustados. o adestrador, Santiago Lago Garrido, conta que gañaron con 55 centésimas de diferencia nunha final moi emocionante. “Foi unha boa pelexa para conseguir os postos do podio, logramos vantaxe nos dous primeiros largos e esa foi a renta que marcou a regata. A segunda e terceira praza tamén estivo moi rifada”.

“Foi unha regata bonita e difícil”, conta Santiago.

O adestrador do club “esperaba os bos resultados”, xa que o equipo traballa para gañar. “Temos rapazas que cando adestran están dando o máximo para conseguir estes resultados”.

As rivais máis duras foron Cabo da Cruz e o Club de Ares, que conseguiron a medalla de prata e bronce respectivamente. Santiago explica que a rivalidade no Absoluto Feminino con estes dous equipos ven de lonxe. “No campionato galego de bateis tivemos unha competición moi parecida coas mesmas rivais na final”.

“Pelexar cun barco ao lado fai a regata máis intensa”, explica o adestrador.

Todo o equipo está moi orgulloso dos resultados, xa que para o técnico non só loitan as 4 ou 5 que van ese día no barco, todas están unidas e se apoian entre elas. “Teño moitas rapazas moi boas e é moi difícil elixir ”, conta o técnico.

“O seguinte reto é gañar o Campionato de Traiñeiras”, conta o técnico.

O máximo logro que poden conseguir en bateis é o de Campioas de España, pero xa teñen a vista o Campionato de Traiñeiras deste ano. “Imos marcando obxectivos sen descartar o resto de disciplinas, pero agora o principal é gañar o Campionato de Traiñeiras e chegar á regata da Concha a finais de setembro”.

“Quero felicitar a todo o club polos resultados da fin de semana”, explica o adestrador.

Santiago Lago felicita a todos os remeiros do club e destaca os premios que levan acumulados este ano. Vitorias que se suman á longa traxectoria do Club de Remo de Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará