Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A ANPA de Cedeira esixe á Xunta que cumpra os seus compromisos e arranxe a pista deportiva

fotos patio1

Tras dezaoito anos de reclamacións, a comunidade educativa de Cedeira está farta. O centro carece de ximnasio e, dende o 2004, están reclamando a retirada da cuberta -de amianto- e o peche da pista deportiva para que o alumnado conte cun espazo seguro e axeitado onde realizar as clases de Educación Física ou mesmo xogar nos recreos cando vai mal tempo. Unha denuncia que levarán tamén á Festa dos Maios, onde concursarán cun Maio reivindicativo para esixir que se atendan as súas demandas.

A carencia dunha pista deportiva en condicións vén de lonxe, pero a situación empeorou nos últimos dous anos. Explican dende a Anpa que a cuberta da pista estase descompoñendo, formándose buracos por onde entra a choiva. “Hai ocasións nas que o estado da pista, completamente mollada e chea de charcos ou incluso con excrementos das aves que aniñan na cuberta, impide que se poida levar a cabo a actividade de Educación Física“. Apuntan tamén a preocupación existente pola dispersión das fibras do amianto no ambiente como consecuencia da descomposición desta cuberta de máis de 20 anos e que consideran “un problema de saúde pública de primeiro orde”.

Ante esta situación levan presentado numerosas queixas ante a Xefatura Territorial de Ensino reclamando a retirada da cuberta e o pechamento da pista, sen obter ningún tipo de resposta pola súa parte. Lembran tamén que hai máis dun ano pasou polo centro unha técnica da Xunta e que as familias enviaron máis de 50 escritos esixindo a Xefatura territorial de Ensino que se constrúa un ximnasio “demanda que polo de agora non tivo resposta en firme por parte da administración”.

Finalmente amosan o seu malestar pola falta de compromiso por parte do Concello con esta “demanda histórica” do centro educativo de Cedeira. Un colexio que de forma festiva tamén reivindicará esta mellora coa súa participación na Festa dos Maios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará