Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela aposta por unha limpeza das praias “respectuosa co medio”

LimpezaPraia

A Concellería de Medio Ambiente de Redondela aposta este verán, por segundo ano consecutivo, por un sistema de recollida de algas dos seus areais “respectuoso coa contorna e que permitiu rexenerar nun só un ano unha zona de duna na praia de Cesantes”. O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, explica que esta limpeza faise “en base a uns criterios científicos abalados por expertos”. Malia as críticas de moitos bañistas que protestan pola acumulación de algas no areal, Villar defende esta alternativa. O concelleiro explica que a maior parte da vexetación que se atopa na praia é necesaria para manter o ecosistema “xa que serve de alimento a moitas especies”.

Roberto Villar explica que o actual sistema de limpeza é respectuoso co ecosistema

O método que se leva a cabo para a limpeza está baseado nos estudos do equipo de Ciencias do Mar liderado polo catedrático de Ecoloxía Emilio Fernández Suárez. Sinalan que unha praia é un sistema natural cuxo funcionamento “non debe ser alterado máis alá do razoable”. Insisten que eliminar o 100% dos depósitos “é unha aberración”. A concellería de Medio Ambiente di apostar por un sistema “no que conviva o respecto ao medio natural coas necesidades dos bañistas”. Sinala que no pasado mes de xuño recolléronse xa unhas 125 toneladas de algas nas praias de Redondela, e asegura que os areais están máis limpos, xa que se reforzou a limpeza nos baños e xardíns, e tamén se rexeneraron zonas con area.

Villar defende a limpeza nas praias con reforzo nos aseos, coidado dos parques e rexeneración de area

O sistema que se emprega este ano divide os areais en tres zonas de extracción de algas. Unha zona de extracción total, prevista para cando as arribazóns de vexetación mariña sexan cuantiosas; unha de extracción parcial, na que está previsto facer comportas de dez metros en varios puntos para permitir o paso dos bañistas, e unha última catalogada como zona de protección. Esta última é o caso da duna de Cesantes recuperada, que estará balizada e na que non se farán extraccións. Segundo Villar esta zonificación dos areais fará “máis áxil” a xestión da limpeza. Os areais onde xa se comezou a traballar son a praia de Arealonga (Chapela), de Rande (Cedeira), de Cesantes e a de Soutoxuste (O Viso). Estas tres últimas atópanse, ademais, na Rede Natura, polo que están catalogadas como de especial conservación.

Proxecto de investigación

A raíz da colaboración entre o Concello e a Universidade, a Universidade de Vigo solicitará á Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica financiamento para desenvolver un proxecto de investigación, que será presentado este mesmo mes e que permitirá, segundo Fernández Suárez, “elaborar un plan de xestión das proliferacións de algas que se producen na Enseada de San Simón”. O Concello de Redondela e a agrupación de Mariscadoras de Cesantes formarán parte da iniciativa como colaboradores. A praia de Cesantes constituirá o núcleo do estudo, que inclúe tamén analizar como se actúa noutras partes do mundo ante situacións similares e os resultados obtidos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará