Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un museo para a obra de Ángel Barros

AngelBARROS__CAL7750

Cal3 Fotografía

Unha ducia de colectivos sociais, culturais e empresariais de Redondela veñen de asinar un manifesto no que reclaman a “protección e conservación en Redondela dos numerosos cadros de Ángel Barros”, artista redondelán e veciño de Reboreda. Ademais reclaman un espazo municipal que acolla unha exposición permanente coas súas principais obras “para promover un modelo de cultura e educación para as crianzas”. Os colectivos demandan das administracións públicas “recursos para garantir a viabilidade desta demanda popular”.

Ángel Barros (Redondela, 1935) é autor dunha vasta obra pictórica consistente na copia de grandes cadros e autores da historia: Greco, Da Vinci, Goya, David, Vermeer ou Rubens, entre outros. Cunha formación autodidacta e unha vida marcada desde neno pola represión franquista “representa un exemplo de vida na que a arte se impuxo como horizonte”, explica Xurxo Martínez, coordinador da iniciativa.

Xurxo Martínez, coordinador da iniciativa que reclama un museo para a obra de Ángel Barros

Barros fixo excelentes traballos de escultura, debuxo ou restauración sen ter formación académica. Tivo diferentes traballos en distintos países de Europa e Brasil, como canteiro, no ferrocarril, fregando pratos ou limpando chans. En París tivo ocasión de presentarse nun obradoiro de restauración, onde o contrataron tras comprobar as súas grandes dotes. Traballou para o Ministerio de Cultura e Patrimonio de Francia, e traballou na restauración de obras do Louvre. Tras a súa xubilación volveu a Redondela, onde realizou até catro exposicións. Na última, 2020, xurdiu a idea entre varias persoas de promover unha iniciativa “para a protección, conservación e difusión da súa obra”. A día de hoxe, Barros segue a pintar, e conta con centos de cadros de gran formato e excelente calidade que ofrece legar a Redondela.

Ángel Barros segue a pintar a día de hoxe, e conta con centos de cadros de excelente calidade

O manifesto foi presentado esta semana no rexistro do Concello de Redondela para que se inclúa como moción no Pleno municipal. Desta maneira consideran que o compromiso coa obra de Ángel Barros “non é unha cuestión dun ou doutro goberno concreto, senón do conxunto da representación política do Concello”.

Os colectivos demandan ao Pleno do Concello a creación dun espazo municipal para expoñer a súa obra

Os colectivos asinantes son a Asociación Cultural Alén Nós, Seminario de Estudos Redondeláns, Xente Titiriteira, Asociación de Empresarios de Redondela, SOAR (Sociedade de Amigos de Redondela), ARPE (Asociación Rande Patrimonio Europeo), Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, Artelixo, Colectivo Republicano, Asociación Lenda, ADC de Rande e Asociación Alejandro Otero.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará