Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un monumento no Alto da Concheira honra a memoria dos asasinados polo franquismo

Concheira

Este 14 de abril, 90º aniversario da proclamación da II República, foi a data elixida polo Concello de Redondela para inaugurar no Alto da Concheira, un dos lugares máis vinculados á memoria histórica de Galicia, un monumento conmemorativo. Nas inmediacións dese lugar foron asasinadas 21 persoas sobre o total de 42 que perderon a vida en diversos lugares do municipio, segundo os datos das asociacións de memoria. A homenaxe, que se ía celebrar xa o ano pasado e foi aprazada por mor da pandemia, consistiu na estrea dunha peza escultórica en granito composta por tres grandes siluetas humanas cun burato no peito. O conxunto álzase sobre unha base na que se le a inscrición “En lembranza dos homes e mulleres que defenderon a República. Concello de Redondela 2021”. Ten unha altura total de 2,30 metros e un peso que se achega ás cinco toneladas. Foi realizado por Ángel Ramón Torres González, alumno de terceiro curso da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. O acto contou do deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa, Digna Rivas. Asistiron tamén a deputada Noemí Outeda, concelleiros e representantes do Colectivo Republicano de Redondela, do Seminario de Estudos Redondeláns e da Asociación Fernando Monroy, de Cesantes, así como veciñanza de Redondela en aforo reducido por mor da pandemia. Santos Héctor sinalou que esta homenaxe debe servir “para reivindicar a memoria” e ter presente o que aconteceu durante a Guerra Civil e a represión do réxime franquista “e estar alerta para que non volvan repetirse barbaridades como as que aconteceron aquí”.

Santos Héctor, deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra

O deputado destacou que o monumento saíu dos obradoiros da Escola de Cantería na Caeira (Poio), que “é outro dos lugares da memoria en Galicia, pois alí foron fusilados tamén moitos demócratas durante os anos duros da represión”.

Desde o Colectivo Republicano de Redondela, Marco Santos “Lareira” e Félix Cal, lembraron que este monumento en memoria dos asasinados pola ditadura é unha vella demanda da asociación. Manolo Barros, que estivo preso polas súas ideas republicanas, solicitara hai xa anos ao Concello redondelán a súa creación “sen que se fixera realidade ata agora”. “Lareira” lamentou que despois de décadas de democracia a memoria das vítimas segue “silenciada”. Denunciou que mentres en países como Alemaña os escolares visitan os campos de concentración para coñecer o que foi o réxime nazi “aquí desapareceu gran parte da información e as vítimas seguen nos camiños”.

Marco Santos “Lareira”, do Colectivo Republicano de Redondela

A alcaldesa Digna Rivas subliñou que con este monumento Redondela paga unha débeda cos colectivos de memoria histórica e coas familias que sufriron a represión “que gardan historias crueis do sucedido naqueles anos”. Ela mesma, revelou, reside na mesma casa da súa bisavoa, que agochou durante dou días a un curmán, ata que marchou para non prexudicar a aquela muller viúva con catro fillos. “Pouco despois apareceu morto nunha destas cunetas”, relataba Rivas, quen lembra que a súa bisavoa “nunca se perdoou por iso”. Fixo fincapé na necesidade de non esquecer o que aconteceu neses anos “para que non se volva repetir”. Por iso é importante que os rapaces coñezan esta parte da Historia “que non aparece nos libros de texto”, advertiu a alcaldesa.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

O lugar onde se instalou o monumento conta tamén co simbolismo da proximidade coa illa de San Simón, o campo de concentración do franquismo polo que pasaron 6.000 persoas represaliadas. O Concello de Redondela declarou este 2021 como “Ano das Mulleres da Illa de San Simón” en homenaxe ás “Madriñas”, termo co que se coñecía ás lavandeiras que, ao tempo que se ocupaban da roupa dos presos, levábanlles comida, medicinas e facíanlles chegar cartas das súas familias.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará