Os alumnos do IES Mendiño estrearon hoxe no auditorio da Xunqueira a programación para escolares do IX Festival Internacional de Curtametraxes e Diversidade Andaina. Ata o venres poderán ver as proxeccións alumnos de ESO, Bacharelato e FP do Colexio Vigo e o IES Illa de San Simón. O festival comezou a semana pasada en Moaña, coa proxección das seccións oficiais aos escolares do IES As Barxas e IES A Paralaia. O pase previsto para a pasada fin de semana na Alameda Rosalía de Castro de Chapela tivo que suspenderse polo mal tempo. Desde Andaina, asociación de persoas con diversidade funcional con sede en Redondela, amósanse satisfeitos “de poder realizar esta edición de xeito presencial”, como apunta o presidente, Antonio García.
O festival de cinema, dedicado á diversidade funcional, pretende ir máis aló da proxección audiovisual e “sensibilizar” a través das curtametraxes e a participación no evento de persoas de diferentes ámbitos. Nesta ocasións será a deportista viguesa Judith Rodríguez a que converse cos escolares. A tiradora de esgrima, que perdeu parte dunha perna nun accidente de tráfico, falará da súa experiencia, logo de retomar a competición adaptada, na que acaba de proclamarse campioa de España. Deste xeito os rapaces poderán coñecer “de primeira man” a súa historia de superación. Actividades coma esta serven “para tratar a diversidade con naturalidade e reflexionar sobre as barreiras sociais”.
O sábado e domingo o auditorio da Xunqueira acollerá as proxeccións para o público en xeral. Será cos dous bloques da sección oficial do FIC, e tamén a sección dos traballos feitos por centros escolares de 2020, que o ano pasado non puido proxectarse polo confinamento. As entradas poden adquirirse até o venres no Multiúsos da Xunqueira, e tamén a través da páxina web www.asociacionadaina.com. García confía en que todos os que desexen poidan acudir, xa que as restricións pola pandemia limitan a un 50% o aforo no auditorio.
Proxectaranse curtametraxes como “Monte bravo”, “Más de lo que ves”, “El síndrome de Jorge” ou “¿Enserrao?”. As entradas teñen un custe de 4 €, entrada reducida 2€ para persoas con diversidade funcional que o acrediten e a fila cero, para persoas que non poidan acudir, pero queiran colaborar co evento.
