Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O cemiterio dos Eidos recupera o seu esplendor

RR_Noticias

Dous séculos de historia da vila de Redondela veñen de poñerse en valor grazas ás obras de conservación e mantemento do cemiterio de Eidos, que onte foron inauguradas. A alcaldesa, Digna Rivas, explicaba que a recuperación deste patrimonio histórico, artístico e cultural “responde ao compromiso adquirido coa veciñanza”. Anunciou tamén que se porán en marcha iniciavas como visitas guiadas e exposicións “que contribúan á promoción da súa importancia histórica”.

A alcaldesa de Redondela, acompañada por boa parte dos concelleiros da corporación Municipal e representantes de diferentes colectivos veciñais, inaugurou no serán de onte as obras de conservación e mantemento do cemiterio dos Eidos “un ben patrimonial de primeira orde que levaba anos nun lamentable estado de abandono e deterioro”, segundo sinalaba Rivas. O camposanto, que data de 1833, conta con tallas e panteóns de gran valor artístico e histórico, e nel descansan persoeiros ilustres da vida social, cultural e política do municipio, como os que foran alcaldes da vila Telmo Bernárdez e Ramón Pardo, a mestra Ernestina Otero, o procurador Francisco Crespo, ou o médico e político Alejandro Otero. O cemiterio forma parte tamén da memoria histórica, cunha fosa común que acolle os restos de 42 persoas represaliadas durante os anos da Guerra Civil e a posguerra. Soledad Chayán, guía de turismo, ofreceu unha visita guiada na que explicou a importancia histórica e artísticas deste cemiterio, no que descansa tamén Hohn O Dogherty, un dos heroes da Guerra da Independencia Española na batalla de Ponte Sampaio.
Unha coidadosa recuperación
Os traballos de recuperación comezaron o pasado mes de febreiro, cun custe de 207.000 euros, e contou co financiamento do Fondo Europeo, a través do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Os traballos tiveron como finalidade poñer en valor este espazo a través dunha total rehabilitación do recinto con actuacións que se centraron en resolver as problemáticas apreciadas nos diferentes elementos que o configuran, dende os muros exteriores que o delimitan ata os pavimentos interiores, pasando por zonas axardinadas, peches, elementos ornamentais, instalacións e servizos urbanos, así como favorecer a accesibilidade universal mediante a realización de actuacións na súa totalidade. Dada a importancia histórica e patrimonial da actuación durante a realización das obras tívose especial coidado en seguir as recomendacións técnicas autorizadas dende Patrimonio cultural. O proxecto foi redactado polo arquitecto Ángel Santorio, quen exerceu as funcións de dirección de obra.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará