Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Batalla de Rande chega ao casco urbano de Redondela

RR_Noticias

A conmemoración da batalla naval de 1702 celebra a súa edición máis ambiciosa con máis localizacións, máis actividades e facendo fincapé na dramatización dos feitos acontecidos hai máis de trescentos anos na que participarán corenta persoas, a maior parte delas veciños de Rande. Como novidade este ano as actividades comezarán este sábado a partir das 12.00 horas nas rúas do centro da vila cunha recreación do desembarco dos tesouros, que servirá de preludio á festa que se celebra o sábado, 20 de outubro, na contorna do Meirande con representacións, música, xantar popular e feira de artesanía.

Por quinto ano a parroquia de Rande viaxa até o ano 1702 para lembrar unha das batallas máis importantes que se deron en España naquel entón, o enfrontamento entre a frota anglo-holandesa e  hispano francesa. A ría volverá ser escenario dese cruento enfrontamento que tiña como fin arrebatarlle os tesouros, prata e especias que transportaban os galeóns españois dende América. Os veciños volverán meterse na pel dos protagonistas dese feito histórico, acompañados nesta ocasión de actores profesionais da compañía Kepler T&T que creou un guión orixinal para a ocasión centrándose na dramatización dos feitos. Un duro traballo de ensaio e estudio, como recoñecía, María Torres, dende a compañía pero que deu como resultado “Os Galeóns Perdidos de Rande”, unha representación moi elaborada e rica en matices que porán en escena corenta persoas en dobre pase o sábado, 20 de outubro, ás 13.15 e 17.00 horas. Non faltará tampouco a escenificación do desembarco, a descarga e o asalto á Fortaleza de Rande ademais do afundimento. O espectáculo rematará coa obra “Tenebrae” ás 22.30 horas. Actividades dende as once da mañá até a noite con ambientación musical, postos de artesanía e de comida ademais da celebración dun xantar popular e a posibilidade de visitar o Meirande que abrirá durante todo o día. No museo estará tamén o venres, dentro dos actos conmemorativos, o escritor, Pablo Quinteiro, que presentará o seu último libro “O Cofre de Rande” ás 19.00 horas. Unha festa na que se implican todos os veciños da parroquia dende os máis pequenos aos maiores que non só se converten en actores e actrices por un día senón que elaboran o decorado, vestimenta e todo o que supón esta celebración, como explicaba Elvira Barcia, dende a Asociación Deportivo e Cultural de Rande, promotora desta iniciativa xunto ao Concello de Redondela. Un traballo de meses dos veciños que puña en valor o alcalde de Redondela, Javier Bas, sen os que esta “celebración non tería sentido”. Así o explicaban na presentación da quinta edición desta conmemoración na que o rexedor local lle propuña ao colectivo veciñal o reto de converter estas representacións en algo estable e non puntual co obxectivo de poder interpretalas noutros lugares ao longo do ano para dar a coñecer o acontecido no estreito de Rande hai máis de tres séculos.    

Alcalde Redondela Javier Bas
Bas pon en valor o traballo feito polos veciños de Rande
Concelleira Cultura Teresa Paris
A edil explica a programación da quinta edición desta festa
Elvira Barcia ADC de Rande
Dende o colectivo veciñal destacan a importancia desta festa na que participa toda a veciñanza
María Torres Kepler T&T
Dende a compañía destacan a guionización dos feitos históricos e o esforzo dos veciños
Recreación 13 de outubro
Este ano os actos chegan ao centro da vila cunha representación que vai coincidir co día de feira

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará