Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela xa ten viño con certificado de orixe

RR_Noticias

Xa están no mercado as primeiras botellas do viño coa nova Identificación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo. Entre as adegas que contan con este selo está a redondelá A Reboraina. O seu responsable, Enrique Fernández-Perán, confía en que esta denominación de orixe anime máis produtores a sumarse á asociación e poñer en marcha novos proxectos.

Xa é oficial, vén de crearse a asociación de adegas Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, que integra ás primeiras bodegas comercializadoras deste novo selo de calidade. Trátase da adega Reboraina, de Redondela, Areeiros de Vilaboa, Ardán de Marín e Mercedarios San Juan de Poio. Estas adegas xa contan co selo de calidade da IXP, e o viño comeza a comercializarse baixo esta marca. Fernández-Perán lembra que foi en 2010 cando diferentes asociacións, viticultores e adegueiros se uniron para crear unha denominación de orixe propia da zona, que hoxe por fin é unha realidade. En xaneiro conseguiuse tamén o recoñecemento a nivel europeo, a todos os efectos. Non foi doado, como explica o adegueiro de Reboreda, xa que o tradicional minifundismo galego leva a que os produtores teñan parcelas pequenas. A superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Nesta zona hai 25.414 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo. O responsable da adega A Reboraina entende que agora é o momento de apostar polo futuro. Afirma que pode ser unha fonte de emprego e riqueza, coa creación de cooperativas ou outras fórmulas, xa que “con 1 ou 2 hectáreas a prudución de viño xa é rendible”. O sector debe apostar agora pola”profesionalización, promoción do produto e a súa internacionalización”. Na asociación pensan que en pouco tempo o número de adegas que pertencen á IXP Ribeiras do Morrazo aumentará. Desde a Xunta de Galicia amosaron tamén o seu apoio para loitar contra a fragmentación do territorio e ser “máis competitivos”. Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón. No caso da adega A Reboraina, na parroquia de Reboreda, mesturan “cultura, calidade e innovación”. Contan con 4 hectáreas de viñedos propios, coas variedades albariño e godello.

Enrique Fernández-Perán adega A Reboraina
Confía en que máis produtores se sumen á IXP Ribeiras do Morrazo.
Concentración de parcelas
O minifundismo dificulta a viabilidade dos proxectos. Hai que apostar por unir parcelas e facer cooperativas.
Un sector con futuro
Con unha ou dúas hectáreas pode poñerse en marcha un proxecto con futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará