O Grupo Folclórico Anaquiños presenta este sábado ás 19:00 horas no Multiúsos do Piñeiral o seu primeiro disco gravado co gallo do seu 40 aniversario. Un CD que leva por título “1976-2016, 40 anos de tradición”, cheo de pezas populares que forman parte do repertorio de practicamente todos os grupos que actúan en calquera festa ou serán da provincia. O concerto contará coa presenza dos Carunchos e unha parte do que se recade coa venta do disco, que se poderá adquirir por tan só 5€, terá un fin solidario entregándose ao refuxio de animais Noé.
Componse de 14 pezas de composición tradicional e de transmisión oral, ao xeito dos vellos gaiteiros e cantareiras e no que participaron os grupos de gaitas e pandereteiras baixo a direción do mestre Luis Correa (Caruncho), seguindo a filosofía do grupo dende os seus inicios de manter e transmitir a música, cantos e bailes tradicionais da nosa terra de xeneración en xeneración. “Un disco cargado de pezas de gaita e outras cantadas polas pandereteiras da agrupación que son moi recoñecidas porque forman parte do repertorio de calquera festa ou serán” explica a presidenta de Anaquiños Estrella Iglesias. Un traballo que realizaron para celebrar os 40 anos de historia e traxectoria folclórica do grupo, iniciada no ano 1976 por un grupo de pais e nais do colexio público Igrexa de Chapela. Unha formación que se mantén viva e entre cuxos membros atopamos dende cativos de tan só 3 anos, que se achegan ao folclore a través das actividades extraescolares, ata os maiores “algunha muller que supera os 75 anos” e que continúa no grupo de veteranas. Para a gravación deste CD contaron coa subvención da deputación de Pontevedra e o apoio do grupo Os Carunchos, que estará tamén no acto do sábado. A entrada a este acto é de balde ata cubrir as localidades do Multiusos.
Un disco popular
Serán os encargados de acompañalos no seu concerto presentación
Unha parte do recadado coa venda será entregado ao Refuxio Noé