Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela despide o pergamiño Vindel

RR_Noticias

Péchanse cinco meses de difusión e promoción do texto medieval en Redondela con actividades como o Vindetapas, a exposición”Scriptorium”, o concerto de Pres de Camprai na illa de San Simón ou actividades para os estudantes como o Vindevídeo. Un programa que remataba este mércores coa conferencia da profesora emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia sobre o contexto histórico e cultural de Galicia na época do pergamiño e a interpretación das cantigas de Martín Codax na voz da cantante polaca Paulina Ceremuzynska.

Positiva era a valoración que facía a concelleira de Cultura, Teresa París, sobre as actividades desenvolvidas no concello ao redor do pergamiño Vindel, que converteron a Redondela nun referente da difusión deste texto de oito séculos de antigüidade e considerado a partida de nacemento do galego e da nosa cultura que se puido visitar no Museo do Mar de Vigo até o mes de marzo.
Máis de cincuenta mil persoas contemplaron o pergamiño que, como subliñaba a catedrática, Camiño Noia, é un dos manuscritos máis importantes da época Medieval, xa que ademais das cantigas é o primeiro cancioneiro que conta coa música. Texto onde se pon de manifesto a importancia do galego, como lingua de prestixio e con recoñecemento en toda Europa.
Un Pergamiño bautizado como Vindel na honra de Pedro Vindel, comerciante de libros de vello que descubriu este documento grazas ao azar, logo de atopalo no ano 1914 no interior dun exemplar dun libro de Cicerón. O seu descubrimento permitiu poñer música a unhas cantigas obra de Martín Codax cuxo texto xa se coñecía.
Unhas cantigas nas que se recollía a voz do pobo, neste caso cun protagonismo especial para as muller que eran as que interpretaba estas cantigas de amor.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará