Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Na Esfarrapada chove sobre mollado

RR_Noticias

Os veciños da Esfarrapada seguen sen unha solución á deficiente recollida de augas pluviais que provoca anegamentos na súas vivendas. As obras de humanización da rúa, que remataron hai seis meses, ocasionaron o problema. O Concello comprometeuse a arranxalo, pero os veciños seguen agardando.

Os traballos de humanización, saneamento e recollida de augas realizadas na zona, e que pretendían ser unha mellora para os veciños, están a supoñer un verdadeiro problema. As obras remataron en agosto do ano pasado, e os residentes ven impotentes como as súas vivendas se anegan coa chegada das chuvias. Marisol explica que nos 45 anos que levan residindo nesa casa nunca tiveran problemas ata o de agora, nin sequera “cando camiño era de terra”. Rosa, a súa nai, lamenta que unhas obras que deberían “mellorar” a contorna o único que fixeron foi “empeorar” a súa calidade de vida. Agora deben blindar os seus portais con sacos de sepiolita para impedir que a auga entre. Unha situación que se produce malia ter denunciado que as obras “non se estaban a facer ben”. Iso é o que máis lamentan veciños como Alberto, xa que durante a realización dos traballos advertiron que os desniveis e os desaugadoiros “non eran correctos”. O único que conseguiron foi que os trataran de “pesados”, e agora teñen que sufrir as graves consecuencias duns anegamentos “que eran totalmente previsibles”. No último pleno do Concello, o pasado 28 de xaneiro, o alcalde compareceu para dar conta da situación. Recoñeceu que a obra non foi recibida “porque a recollida de pluviais non se fixo ben”. Sinalou que as obras eran “necesarias” e que foran un acerto do goberno local, malia advertir que existía un problema técnico “que deben resolver os técnicos”. Anunciou que se está a realizar un estudo para presentarlle unha solución aos veciños no prazo de dez días. Hai xa quince días da celebración do pleno e os veciños aínda non teñen ningunha noticia. E este non é o único problema co que conviven os veciños do casco vello redondelán. Noutras rúas como Cruceiro, Loureiro, Picota ou Prata tamén denuncian o mal estado do firme. Empedrados irregulares, lousas rotas e zonas escorregadizas son un perigo para os veciños e viandantes. Carmen, que reside na rúa Prata, lembra que xa foron moitos os veciños que sufriron caídas. Os residentes denuncian tamén que o abandono de moitas vivendas da zona causa situacións de risco, como muros que ameazan con derrubarse e a acumulación de lixo nalgunhas fincas. Existe mesmo un pombal nunha casa deshabitada onde aniñan centos de pombas. Lucía, que reside na casa continua, denuncia que se trata dun problema “de saúde pública”, xa que se acumula gran cantidade de excrementos e aves mortas, o que supón un foco de infeccións.  

Marisol e Rosa veciñas
Lamentan que as obras da rúa lonxe de mellorar a súa situación empeorouna xa que a súa vivenda anégase coa chuvia.
Alberto veciño da Esfarrapada
O que máis lamenta é que non se tivera en conta aos veciños cando advertiron que as obras estaban a facerse mal.
Javier Bas alcalde
O rexedor anunciou no pleno do pasado mes de xaneiro que os técnicos están a estudar unha solución.
Carmen veciña da rúa Prata
Denuncia que moitos veciños xa teñen sufrido caídas polo empedrado irregular e escorregadizo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará