Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A realidade sobre o aumento da riqueza financeira das familias

RR_Noticias

Os datos do Banco de España revelan que a riqueza financeira das familias españolas creceu en 2013 un 25,6%, un máximo histórico. Pero a realidade reflicte que os fogares que ostentan esa riqueza son unha minoría. Os veciños de Redondela aseguran que a súa situación económica é peor, e que o único que aumenta é a “desigualdade” entre os ricos e os pobres, cunha clase media case desaparecida.

Máis dun billón de euros, esa é a riqueza das familias en España, unha cifra que non se superaba desde o ano 2006, segundo datos do Banco de España. Concretamente, a riqueza financeira dos fogares creceu en 2013 un 25,6%, un máximo histórico. Esta lectura resulta un tanto incrible tendo en conta a delicada situación económica da maioría dos fogares, a elevada taxa de paro e o aumento da pobreza, con 5 millóns de persoas en situación de exclusión social extrema en España, e 500.000 familias sen ningún tipo de ingreso. É por iso que os redondeláns tampouco cren que a riqueza das familias aumentase, máis ben ao contrario, están convencidos de que é “moito menor”, como nos contan Carmen, Rosa e Mari, que aseguran que chegar a fin de mes é moi complicado “cos prezos e os impostos máis altos, mentres os salarios e as pensións baixan”. Unha lectura máis polo miúdo deses datos sobre a riqueza das familias aclara algo esta complexa cuestión. En primeiro lugar, a riqueza financeira é só unha parte da riqueza total que teñen as familias: é o resultado da diferenza entre os seus aforros e os préstamos. Tamén se teñen en conta depósitos bancarios e accións que cotizan en bolsa. Pero as familias que xogan en bolsa son minoritarias na economía galega e española. Os datos falan do conxunto dos fogares, aínda que en realidade o aumento da riqueza financeira só lle ocorre a uns poucos. Isto tradúcese para os redondeláns nun aumento das desigualdades sociais, cunha clase alta “cada vez máis rica” e unha clase media “máis pobre”, como explican Jose e Manuel. Da mesma opinión é Sefa, que entende que as grandes fortunas son “as máis beneficiadas” desta crise, mentres “desaparece a clase media”. Esta situación tradúcese tamén nos hábitos de consumo. Os fogares españois gastaron en 2013 unha media de 2.300 euros en produtos envasados de gran consumo, practicamente o mesmo que un ano antes, aínda que un 77% dos consumidores cambiou os seus hábitos para aforrar, e sete de cada dez só merca “produtos básicos”.  

Carmen Rosa e Mari Carmen
Para estas veciñas a riqueza diminuiu e chegar a fin de mes supón todo un reto.
Manuel e Jose M.
Segundo estes veciños o único que aumentou foi a fenda entre ricos e pobres.
Sefa
O aumento da riqueza só se dá entre as grandes fortunas e a clase media empobrécese.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará