Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños de Rande recuperan parte do seu litoral con Meirande

RR_Noticias

Dentro de quince días a empresa Dicsa espera ter rematada as obras do museo no que se recollerá a historia da Batalla de Rande e os pecios afundidos pero tamén o pasado industrial deste barrio redondelá. A ACD de Rande ve así cumprida parte dunha vella reivindicación, recuperar unha espazo esquecido e deteriorado para darlle valor á parroquia e atraer visitantes. Malia todo falta por mellorar os accesos á zona e o estacionamento, problemas, que segundo o concello pretende ir solucionando nos próximos meses así como o permita a situación económica.  

Case dez anos despois de que a Asociación Cultural e Deportiva de Rande comezase a reivindicar solucións para recuperar a franxa costeira da zona e a transformación da antiga Fábrica do Alemán nun museo sobre a Batalla de Rande, está a piques de ser unha realidade, a pouco menos dun mes de que se rematen as obras. Este mércores o Presidente da Asociación, Juan José Comesaña, xunto a outros membros do colectivo acompañaron ao Presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves o Alcalde de Redondela, Javier Bas, e parte da corporación municipal, na visita ás instalacións do que será a Aula de Interpretación de Rande. Un espazo no que a Asociación tamén disporá dun centro social. Juan José Comesaña amosaba a súa ledicia, por ver case finalizadas as obras e xa adiantaba algunhas das iniciativas que porán en marcha. Entre elas un grupo de teatro que se encargará da recreación do enfrontamento entre as tropas anglo-holandesas e hispano-francesas en 1702. Ademais do centro social, o Museo Meirande tamén disporá dunha cafetería e cinco salas de exposición, situadas nunha parcela de 2.500 metros cadrados, con aproximadamente 600 metros cadrados útiles. Para a súa reconstrución tívose en conta o pasado industrial da zona e o espazo privilexiado onde se atopa, porén todos os módulos están orientados cara o mar con grandes vidreiras. Un museo no que se reconstruirá parte da historia da Batalla de Rande e a procura do tesouro, con recreacións do interior dun buque do século XVIII, as adegas, os canóns de guerra, unha reconstrución dun pecio que levarán aos visitantes, coa axuda dos paneis informativos, até aquel 23 de outubro de 1702, pero tamén aos motivos e consecuencias dunha contenda que marcaría a historia da nosa ría. Ademais da Batalla de Rande, a Aula de Interpretación tamén lembrará o pasado industrial da parroquia, da Fábrica do Alemán, e os seus distintos usos así como dos cargueiros de mineral. Vellas máquinas que se converteron en verdadeiras xoias da historia chegadas de distintos puntos da xeografía poderán verse cando abra as súas portas a Aula de Interpretación. Porque non podemos esquecer que ese esqueleto de pedras que durante moitos anos puidemos ver na beira de Rande, foi o sustento de boa parte das familias da parroquia. Así o lembraba o Presidente da Asociación Cultural e Deportiva de Rande, de aí a importancia que ten para os veciños. E por iso eles tamén serán unha parte dese museo, e espérase que as súas lembranzas non só sirvan para recuperar o pasado da parroquia e que todos as podamos coñecer, senón que tamén se impliquen no museo e poidan ser unha parte del. Para velo de primeira man aínda teremos que agardar, pero non moito, porque as obras está previsto que rematen en tres semanas, como moi tarde no mes de decembro. Prazo establecido para poder cumprir os requisitos dos Fondos Feder, que supuxeron o 80% do financiamento das obras. O alcalde, Javier Bas, amosaba a súa ledicia por estar “cumprindo os tempos establecidos e sen saírse do orzamento fixado”. Un cumprimento dos prazos, que foi posible, grazas, en parte á axilización dos trámites da cesión da parcela por parte da Autoridade Portuaria. Unha celeridade que o Presidente do ente, Ignacio López-Chaves, xustificaba pola importancia da obra, que considera se “converterá nun referente cultural da zona”, e o seu poder de atracción turística xunto á Illa de San Simón. López-Chaves felicitaba a todas as partes implicadas por “conseguir recuperar un espazo que se atopaba deteriorado e sen uso”. Pero agora falta solucionar o problema do acceso e o aparcamento. Para chegar ao museo de Rande hai que pasar por unha pequena pista moi estreita pola que non poden circular dous vehículos á vez e a que non podería acceder un autobús, tampouco dispón dunha zona habilitada como aparcadoiro, aínda que hai unha pequeno espazo ao carón do museo que na actualidade emprégase para este fin. O rexedor local afirmaba que se “están buscando solucións a este problema, pero a situación económica, condiciona a súa resolución”. O acceso por mar tamén é complicado ao non dispor dunha zona habilitada, aínda que dende a ACD de Rande consideran que sería a que menos complicacións tería para pola en uso, ademais de ser a máis atractiva para os visitantes pola beleza do espazo, e polo feito de que na actualidade xa existe unha ruta que visita a zona até a Illa de San Simón. Un museo que cada vez está máis preto de abrir as súas portas pero non por iso os veciños e impulsores do proxecto pensan que xa está todo feito e poñen a súa ollada na recuperación doutros elementos da riqueza da zona, como a muralla de Rande, o complexo de casas mariñeiras da parroquia ou os cargadoiros de mineral.        

Juán José Comesaña ACD Rande
O Presidente da Asociación fala da importancia do proxecto para a recuperación do litoral da parroquia e da memoria da zona.
Carlos Fálagan arquitecto do proxecto
Explica o proxecto de recuperación da Fábrica do Alemán e o proceso seguido.
Alcalde de Redondela accesos museo
Javier falas asegura que se está buscando a forma de mellorar o acceso ao museo pero subliña que o importante é ter rematada a obra en tempo e forma.
Presidente Autoridade Portuaria
Ignácio López-Chaves fai fincapé na importancia do proxecto para recuperar unha ona do litoral degrada e sen uso. Ademais do potencial turístico que terá.
Xurxo Constenla arqueólogo
Constenla asegura que a parroquia de Rande o seu pasado e a súa memoria serán unha parte máis desa mostra.
Vellas máquinas industriais
Constenla xa nos adiante parte do que poderemos atopar en Meirande: algunhas vellas máquinas que se empregaban na fábrica do Alemán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará