- Este evento pasou.
II Xornada Manoel Vello: A historia de Galicia como motor cinematográfico
Outubro 26 @ 11:30 - 18:00
O vindeiro sábado 26 de outubro, o Castelo de Soutomaior converterase nun espazo de reflexión cinematográfica cunha actividade cultural que une historia e imaxe: a II Xornada Manoel Vello, titulada “A historia de Galicia como motor cinematográfico”. Organizada pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Soutomaior, esta xornada busca explorar como a nosa terra pode inspirar novas narrativas audiovisuais, homenaxeando a figura do activista Manoel Vello.
A cita para falar da produción dun ‘Xogo de Tronos’ galego une historia e imaxe, homenaxeando a figura do activista e pioneiro do cine galego Manoel Vello, e busca explorar como a nosa terra pode inspirar novas narrativas audiovisuais.
A programación, que se desenvolverá ao longo da mañá e a tarde, comezará ás 11:30 horas cunha recepción e café para os asistentes. Ás 12:00 horas terá lugar a apertura oficial, coa benvida do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e da presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, Carolina Silva. Seguirá unha presentación a cargo de César Pazos, recoñecido escritor de novela histórica e impulsor desta xornada, quen contextualizará o espírito do encontro
Un dos momentos centrais será ás 12:30 horas, cunha charla impartida por José Manuel Barbosa, investigador especializado na historia de Galiza e autor de obras como A evolución histórica dos límites da Galiza e Por que caeu a Galiza?. Baixo o título “Momentos da historia de Galiza para levar ao cine“, Barbosa analizará episodios clave do noso pasado –descoñecidos para a maioría dos galegos– que poderían adaptarse á gran pantalla, destacando o seu potencial narrativo en virtude da repercusión na construción europea e da capacidade dramática.
Tras unha breve pausa para café ás 12:50 horas, a sesión continuará ás 13:00 horas cunha mesa redonda titulada “Revivir a nosa historia a través do cine“. Neste debate participarán Tomé Martínez, director de cine e escritor; Iago de Sant, director de cine de inmersión; e César Pazos, quen pechará o círculo de intervencións con perspectivas literarias, audiovisuais e creativas. Xuntos, exporán as posibilidades reais de converter a nosa historia en filmes e distribuílos polos circuítos ou plataformas internacionais.
O mediodía rematará ás 14:00 horas cunha degustación de petiscos, que servirá de oportunidade para o networking entre os participantes. Pola tarde, ás 15:00 horas, a xornada pechará coas conclusións, centradas en “Perspectivas de futuro” para o cine galego. O peche oficial, previsto para as 15:45 horas, correrá a cargo de Carolina Silva, quen resumirá as ideas
Esta segunda edición consolida o Castelo de Soutomaior como un referente para eventos culturais que ligan historia, cinema e identidade galega. A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, dedicada á recuperación e difusión da obra de Vello, promove esta actividade para fomentar o diálogo entre creadores, historiadores e público xeral.
Entrada de balde ata completar o aforo (non é preciso inscrición previa, aínda que se recomenda confirmar a asistencia a través dos canais do Concello de Soutomaior).
