Hoxe é Xoves 30 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sindicato de Inquilinas de Vigo: Crise da Vivenda

Foto do sindicato na mobilización do 21 de marzo

Entrevista completa con Juan Medela.

Juan Medela, voceiro do Sindicato de Inquilinas de Vigo describe a situación como “voraz” e en expansión. O que antes se concentraba nas grandes cidades agora afecta tamén a cidades medias e pequenas, e incluso ás súas contornas. “Non queda só no centro: esténdese”, sinala. Esta dinámica non é casual: responde di “a un aumento da especulación”.

Entre os efectos máis graves están as subidas abusivas de renda. Familias que levan anos ou décadas pagando reciben notificacións nas que se lles comunica que o contrato non se renovará ou que o prezo aumentará entre 200 e 300 euros ao mes para adecuarse ao “mercado”. Moitos propietarios xogan coa descoñecemento dos dereitos por parte das inquilinas, introducindo cláusulas abusivas, contratos de temporada fraudulentos ou esixindo seguros de impago e arranxos que legalmente corresponden ao propietario.

Outros problemas frecuentes inclúen:

  • A negativa a realizar obras de mantemento necesarias para garantir a habitabilidade.
  • Discriminación na hora de alugar, que afecta especialmente a persoas racializadas, familias con menores ou con mascotas.
  • Anuncios con requisitos case imposibles

Un dos factores máis sinalados por Medela é a conversión masiva de vivendas habituais en vivendas de uso turístico (VUT).

A Administración pública aposta principalmente pola nova construción de vivendas de protección oficial (VPO), pero segundo Medela estas iniciativas non resolven o problema de fondo. O volume planeado non chega nin á cuarta parte da demanda actual. Ademais, moitas VPO acaban pasando ao mercado privado despois dun tempo.

En Vigo calcúlase que existen arredor de 22.000 vivendas baleiras, mentres que as de uso turístico superan as 2.200. “Vivenda hai, pero non se está utilizando como debería”, afirma o voceiro.

O Sindicato de Inquilinas de Vigo forma parte da Confederación Estatal de Sindicatos de Inquilinas e da Alianza pola Vivenda de Vigo, que une organizacións sociais, veciñais, ecoloxistas e sindicais. Participan en mobilizacións conxuntas en Galiza e no conxunto do Estado.

Recentemente, o Real Decreto-lei que prorrogaba contratos de aluguer ata 2027 e limitaba subidas foi rexeitado no Congreso, o que “deixa en situación vulnerable a miles de familias”.  O Sindicato considera que, aínda sendo medidas limitadas, servían como protección temporal e instan a seguir reclamando avances na Lei de Arrendamentos Urbanos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp