Rodri Míguez, creador da canle “@rodrimiguez “, é finalista por segundo ano consecutivo na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical dos Premios Martín Códax da Música Galega 2025. Cunha comunidade que supera os 11.000 seguidores en TikTok e os 6.000 en Instagram, Rodri leva cinco anos achegando a música en galego a un público novo, desmontando prexuízos e normalizando a nosa lingua.
Nunha entrevista con Radio Redondela, Rodri non oculta a emoción que lle produce esta nova nominación. “O verdadeiro premio é que a industria valore o que fago”, confesa. Para el, o recoñecemento dun xurado independente é a recompensa a anos de esforzo, horas dedicadas e retos superados. “Cando che din que estás facendo un bo traballo, todo merece a pena”, engade cunha mestura de gratitude e orgullo.
Un proxecto que medra coa música galega
Cando Rodri comezou a crear contido en 2020, non imaxinaba que a súa canle se convertería nun espello do auxe da música galega. “A industria de hoxe non é a de hai cinco anos”, explica. A diversificación de proxectos e a profesionalización de artistas marcaron un dos mellores momentos históricos da música en galego, segundo Míguez. “Que a miña canle crecera vai da man dese crecemento. A música galega xera emprego, retorno e visibilidade, e eu sinto que formo parte diso”, reflexiona.
Desde Fillas de Cassandra, Grande Amore, The Rapants ata Tanxugueiras, pasando por grupos emerxentes que en poucos anos se consolidaron, a música galega vive un rexurdir que trascende fronteiras. Pero Rodri é cauto: “Non me considero experto. Aprendín facendo vídeos, igual que a xente que os ve descobre novos artistas”. E é precisamente esa humildade a que conecta co seu público, que atopa nas súas publicacións un xeito ameno de coñecer estilos que van do pop á electrónica, do rock ao heavy metal, todos en galego.
O corazón do proxecto de Rodri é claro: achegar a música galega á xente nova. Nun contexto de globalización que por veces afasta á mocidade da cultura propia, a súa canle é unha ponte. “A xente nova é o futuro. Se non conectamos con eles, non normalizaremos o consumo de cultura en galego”, afirma. A través de vídeos curtos, cunha linguaxe adaptada a TikTok e Instagram, Rodri desmonta prexuízos. “Moitos pensan que o seu estilo favorito non se fai en galego ou que se fai mal. Eu móstrolles un grupo que o fai ben, e a reacción é: ‘Isto está xenial!’”.
Este enfoque ten resultados. A música en galego está a impactar en adolescentes que enchen concertos, un feito que contrasta con datos pasados sobre o uso da lingua entre a mocidade. “Hai grupos que conectan con estilos diversos e con xeracións que antes non se sentían interpeladas polo galego. Iso é o que fai este momento especial”, destaca.
Para Rodri, o seu éxito vai coa lingua. “Se fixera isto noutro idioma, non tería sentido nin estaría onde estou”, sentencia. O galego é algo polítco pero tamén de prestixio, un movemento de normalización que resoa nas redes sociais. “Crear contido en galego sobre os grupos favoritos da xente xera unha necesidade. Ese é o alicerce do proxecto”, explica.
Despois de cinco anos, Rodri mira atrás con gratitude. “Practicamente todo o que soñaba cando comecei cumpriuse”, admite. Hoxe ten un traballo estable, colabora con artistas que admiraba e mesmo fixo amigos entre eles. Pero non para de soñar: “Gustaríame explorar o audiovisual, quizais cun documental ou entrevistas con artistas, para seguir dando espazo á nosa música”.
Pódese votar ata o vindeiro domingo 28 de maio. O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a gala dos Premios Martín Códax, onde Rodri competirá xunto a Cuac FM e Recollendo Músicas na súa categoría. Gañe ou non, o seu impacto xa está feito.
Para saber máis escoita a entrevista completa
PARA VOTAR PREME NESTA LIGAZÓN: premiosmartincodaxdamusica.gal
