Hoxe é Xoves 29 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Outro mundo é posible: SLG convoca concentración en Santiago contra o tratado UE-Mercosur

Imaxe cedida

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca unha concentración este xoves, 29 de xaneiro, ás 12:00 horas, diante do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela (Av. do Camiño Francés, 3). Baixo o lema ‘Non á aplicación do tratado UE-Mercosur’, as labregas e labregos do sindicato buscan exixir que a alimentación quede excluída deste acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur (principalmente Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai).

O acordo UE-Mercosur, negociado durante máis de dúas décadas, busca crear unha das maiores zonas de libre comercio do mundo, cun mercado de máis de 700 millóns de persoas. Pretende reducir drasticamente aranceis e facilitar o intercambio masivo de produtos agrícolas, gandeiros, materias primas e manufacturas. Porén, o SLG-CCLL denuncia que este pacto xeraría unha competencia desleal para a agricultura europea, especialmente a galega e familiar.

Isabel Vilalba, membro da Executiva do SLG-CCLL, explica os principais riscos. Segundo ela, o acordo foi tramitado de maneira antidemocrática, sen socialización real nin debate nos parlamentos nacionais ou no propio Parlamento Europeo. Ademais, recoñece que provocaría un incremento enorme do comercio a longa distancia, o que elevaría as emisións de gases de efecto invernadoiro e aceleraría a deforestación, especialmente na Amazonía, en contradición cos obxectivos climáticos da UE.

Vilalba destacou a desigualdade normativa entre os bloques: mentres a UE mantén estándares elevados en seguridade alimentaria, benestar animal, dereitos laborais e prohibición de numerosos pesticidas (agrotóxicos), moitos destes produtos —máis de 150 materias activas prohibidas na Europa— seguen permitidos en países como Brasil. Isto podería permitir a entrada masiva de carne, legumes, froitas e outros alimentos producidos con estándares inferiores, o que poñería en risco a saúde das consumidoras e dos consumidores europeos. “Non se debe dar ningún paso atrás en protexer a saúde, o medio ambiente nin a calidade da auga”, afirmou Vilalba, quen lembrou que somos ao mesmo tempo produtoras e consumidoras.

Economicamente, o impacto sería grave para o rural galego. A agricultura pequena ou familiar non podería competir cos baixos salarios (moitas veces por baixo dos 300 dólares mensuais nalgúns países do Mercosur), as grandes extensións do agronegocio e os custos de produción moito máis reducidos. Vilalba sinalou que isto aceleraría o abandono de explotacións, a perda de postos de traballo directos e indirectos (almacéns, transportes, persoal técnico) e faría máis inaccesible unha alimentación saudable e de proximidade. “As grandes distribuidoras si comprarán barato, pero non a cidadanía”, advertiu.

A recente xornada do 21 de xaneiro, cando o Parlamento Europeo aprobou —por unha axustada maioría de 334 votos a favor fronte a 324 en contra— remitir o acordo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) para que analice a súa compatibilidade cos tratados europeos, supuxo un freo temporal. O ditame do TJUE podería tardar entre 6 meses e 2 anos. Mentres tanto, a Comisión Europea, co apoio dalgúns Estados membros, tenta impulsar a súa aplicación provisional, tal e como confirmou o comisario de Agricultura, Christophe Hansen, nunha reunión en Bruxelas o 23 de xaneiro á que asistiu unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG.

Vilalba alertou tamén dunha “hipoteca ao futuro”: o acordo inclúe cláusulas que permitirían aos países do Mercosur reclamar indemnizacións se a UE aproba no futuro normativas ambientais ou sanitarias que afecten os seus intereses comerciais.

Ante esta situación, o SLG-CCLL chama á mobilización cidadá. “Necesitamos que as consumidoras se activen para decidir que alimentación queremos para as nosas familias e que medio rural desexamos”, afirmou Isabel Vilalba. Animou a dirixirse aos eurodeputados galegos e ás institucións para que recollan o sentir maioritario e eviten decisións antidemocráticas. “A alimentación non pode ser moeda de cambio para vender coches, armas ou materias primas”, concluíu.

A concentración do xoves en Santiago é unha chamada aberta a toda a cidadanía a defender un modelo agroalimentario baseado na proximidade, a sustentabilidade e a xustiza social.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp