Nesta nova entrega do podcast Onda Torrella conversamos con Hugo Amoedo Canal, cineasta nacido en Redondela en 1987 e actualmente afincado en Bruxelas, onde desenvolve boa parte da súa actividade profesional e creativa.
A súa traxectoria está estreitamente ligada ao cinema, pero tamén á música, á cultura e ás experiencias da emigración. Estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e posteriormente realizou un máster en Film na LUCA School of Arts de Bruxelas. Desde alí desenvolveu unha obra que transita entre a ficción, o documental e o diario cinematográfico, con especial interese polo desarraigamento, o retorno, a emigración, o amor e as relacións persoais.
En Onda Torrella, Hugo repasa os seus inicios e algunhas historias da súa infancia e adolescencia en Redondela. Falamos tamén da súa produtora Vanderlux: as súas películas e curtametraxes, desde Camping Wesertal ou Europa ata Pechar caixas, abrir caixas, obra coa que gañou o premio da sección GZ_00 do FICBUEU 2024, e Moon Safari, seleccionada no D’A Film Festival e no Festival de Cans en 2026.
O cine de Hugo ten tamén unha dimensión persoal. Como el mesmo explica, parte en moitas ocasións do diario filmado, do día a día, da familia e dos amigos para construír historias nas que o íntimo e o colectivo se cruzan. Actualmente traballa na montaxe da súa primeira longametraxe.
Pero a conversa non se queda no cinema. A música ten un papel fundamental no seu universo. Hugo comparte a súa selección musical, con Dire Straits, David Bowie, Bob Dylan, Massive Attack, PJ Harvey e Charley Crockett, e fala da súa especialización na música xamaicana e no reggae, especialmente no período comprendido entre 1965 e 1980.
E, como non podía ser doutro xeito, a conversa deixa espazo para o cinema galego e para Ángel Santos, que tamén achega a súa voz ao podcast.
Unha conversa sobre cine, música, emigración, Redondela, Bruxelas, memoria e identidade.
Xa podes escoitar esta nova entrega de Onda Torrella en radioredondela.com


