Nesta entrega de Onda Torrella, o podcast musical da municipal, celebramos a Festa dos Maios, unha tradición chea de historia, música e retranca. Acompáñannos dous convidados de excepción: Olimpio Giráldez Lera, cronista e investigador local, autor de “60 anos de crónicas redondelás”, e José Ángel Xesteira Pazos, xornalista e escritor galego, ambos apaixonados pola cultura e as tradicións de Redondela.
Quen son os nosos convidados?
Olimpio Giráldez Lera é un destacado cronista e investigador de Redondela, recoñecido polo seu labor na preservación da historia local. Autor do libro “60 anos de crónicas redondelás. Unha ollada no tempo a través das coplas dos Maios” (2015), recompila coplas, fotografías e anécdotas da festa desde 1957, reflectindo a súa evolución e referencias a feitos históricos como o caso do aceite de Redondela (1972), o atentado das Torres Xemelgas ou o asasinato de Carrero Blanco, ademais das restricións da censura franquista. Giráldez Lera tamén contribuíu coa cesión de 119 fotografías (1950-1985) ao Arquivo Municipal de Redondela, dixitalizadas no Fondo Olimpio Giráldez do Proxecto Arquivo Audiovisual.
José Ángel Xesteira Pazos, nado en Redondela en 1946, é un recoñecido xornalista e escritor galego. Traballou en medios como La Mañana de Lérida, El Correo Gallego, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, e foi crítico de cine en A Nosa Terra. Entre as súas obras destacan Contos de familia (2005), Caldo de mares para homes libres (2003), Acompáñoo no sentimento (2001), Blues da ría (2001) e Guía de praias singulares de Galicia (2000, con Roque Soto). Tamén participou en proxectos colectivos como Phiccións (2000) e é coautor de A memoria de Redondela (2001).
Música:
- Ahi ven o Maio – Luis Emilio Batallán
- Maios – Habelas Hainas
- Maios de Redondela – Carapaus
- Pontevedra – Chouteira

O MAIO (poema de Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra)
Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...
Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Queremos expresar o noso agradecemento ao IES Mendiño por ceder xenerosamente as súas instalacións de radio para a gravación deste episodio especial.