O artista LG1DO será o encargado de pechar a programación deste venres do Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela cun concerto que dará comezo ás 22.30 horas na Pista da Xunqueira. Considerado unha das voces emerxentes con maior proxección da escena urbana galega, o músico chega á vila nun dos momentos máis intensos da súa carreira, despois dun ano marcado polo éxito nas plataformas dixitais e por unha xira que o está levando por escenarios de toda Galicia.
LG1DO recoñece que aínda está a asimilar a velocidade coa que mudou a súa vida. “A primeira canción que subín ás plataformas foi en novembro do ano pasado e este verán xa estou xirando por Galicia, con concertos tamén en Madrid e fóra. É unha auténtica tolemia, aínda non cheguei a asimilar o que está pasando“, asegura. A pesar do crecemento da súa popularidade, afirma que mantén os pés na terra e que vive esta etapa como “unha oportunidade que hai que aproveitar traballando moito”.
As súas letras, di, non nacen tanto das súas propias experiencias como da capacidade de poñerse na pel da súa xeración. “O que intento é pensar como me sentiría eu se me pasase esa situación. Quero que a xente se sinta acompañada, tanto nos bos como nos malos momentos”, sinala. Esa forma de escribir, asegura, non cambiou coa chegada do éxito.
LG1DO tamén reivindica o bo momento que atravesa a música urbana en galego, aínda que considera que o apoio do público debe fundamentarse na calidade artística e non unicamente na lingua. Defende que o galego ten que ocupar o seu espazo na escena musical sen prexuízos. “Quero que digan que LG1DO fai música. Non quero que me engloben nun xénero nin nunha lingua. A miña esencia é a versatilidade e o galego é o meu medio natural de comunicar todos os días”, afirma.
De cara ao futuro, adianta que prepara novas colaboracións con artistas galegos e estatais, ademais de varios lanzamentos que verán a luz nos próximos meses. O seu propósito é consolidar unha carreira duradeira e que o fenómeno que o deu a coñecer nas redes sociais sexa só o punto de partida.
Será a súa primeira vez actuando na vila e agarda conectar cun público de todas as idades. “Veño con moitísimas ganas e con todo o amor do mundo. Quero ensinar a miña música; quen xa me coñeza, que a desfrute, e quen non, que a descubra. O importante é pasar unha boa noite”, afirma.


