O Multiúsos de Arcade acollerá, este venres 23 de maio de 2025 ás 20:30 horas, unha nova parada do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que leva teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Nesta ocasión, o protagonista será o recoñecido actor, contacontos e director Avelino González, que presentará o seu espectáculo “GPA (Galego para adolescentes)”, unha proposta que mestura humor, filoloxía e reflexión sobre a lingua galega, pensada para todas as idades.
Avelino González, coñecido polos seus papeis en series como Padre Casares, Serramoura ou Seis hermanas, e cunha longa traxectoria no teatro, describe GPA como “un tratado de filoloxía emotiva, unha sesión de psicoloxía lingüística, un enredo sobre a morfoloxía e a sintaxe, e un titorial sobre como usar a lingua”. En conversa con nós, o actor explica que se trata dunha “conferencia-espectáculo” que combina o formato didáctico co teatral, inspirándose en charlas como as TED Talks, pero cunha forte dose de humor e interacción co público. “É unha mestura de contos, historias pequenas e unha conferencia con apoio visual, como un power point, pero as imaxes son provocadoras, xogan a sorprender”, conta Avelino. Por exemplo, mentres fala da riqueza do galego, pode aparecer unha imaxe da selección española de fútbol feminino ou unha referencia a Isabel a Católica, creando un diálogo dinámico que invita á reflexión.
