Foto de @martaenmarte
Os antigos membros de Oh! Ayatollah reúnense de novo e lanzan Portosanto. A banda galega, formada por Nuno Pico, Anaís Fernández, Andrés Real, Simón Cuba e Xoel Xeada, volve aos escenarios cunha proposta fresca que marca un punto e aparte respecto ao seu pasado. Nuno, que tamén lidera Grande Amore, conversa en Radio Redondela con Alicia Tizón sobre este regreso.
O disco de debut “Ten que haber un sitio para nós” xa está dispoñible en todas as plataformas e comezan a xirar. Este sábado tocan en Vigo, no local La Fábrica de Chocolate. “A enerxía segue aí. As novas cancións están máis cantadas e estaba un pouco preocupado por como soarían en vivo, pero quedei moi contento co resultado do primeiro bolo en Pontevedra”, confesa Nuno.
No plano musical e lírico nótase unha clara madurez. Se as letras de Oh! Ayatollah eran nihilistas, atormentadas e profundamente autobiográficas —propias dos “tormentos de desamores universitarios”—, en Portosanto Nuno Pico procura un imaxinario novo, máis narrativo. Inspirándose en autores como Fernando Pessoa e Louise Glück (Premio Nobel de Literatura), constrúe un novo lore que define esta nova etapa da banda. Todo isto dálle peso á proposta sen perder a súa capacidade para crear historias colectivas que, levadas do universal ao persoal con gran graza, poden converterse en himnos xeracionais. “Quixemos crear un lore propio, con contexto e historias. Iso axudoume a escapar do personaxe lírico anterior e a diversificar como compositor”, explica.
Entre as pezas destacadas do álbum está “Vinte de Agosto” ou “Cinelube”, unha das favoritas da banda, que recorda con nostalxia un dos concertos máis emblemáticos dos seus inicios no Cineclube de Santiago de Compostela.
Escoita “Ten que haber un sitio para nós”. Abre unha ventá e que volva dar o sol.



